A RúaConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa asina un convenio con ABANCA para amosar unha exposición sobre bosques de España

'Berces de vida. De paseo polos bosques de España' permanecerá aberta do 13 de marzo ao 14 de abril no Centro Cultural Avenida

 

Na mañá deste martes 27 de febreiro o Concello da Rúa, Afundación (Obra Social de ABANCA)e ABANCA rubricaban un convenio para amosar ‘Berces de vida. De paseo polos bosques de España’, unha exposición comisariada polo premiado biólogo e divulgador Joaquín Araújo. No acto estiveron María G. Albert, alcaldesa da Rúa; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.

 

Serra do Caurel, Lugo.

 

A exposición, articulada por 26 fotografías cheas de luz, cor e beleza, retrata os diferentes ecosistemas boscosos de todas as comunidades autónomas de España e pretende servir de chamada de atención sobre a necesidade de conservar uns espazos imprescindibles para a vida no noso planeta. Complementadas con textos explicativos de Joaquín Araújo, estas imaxes reflicten o compromiso de todas as entidades participantes neste proxecto coa preservación do medio ambiente.

 

As Médulas, Castela León.

 

En palabras do comisario da exposición, “o bosque é o lugar onde a luz se converte en vida. É unha fábrica de claridade que traballa incesantemente para que todos respiremos. Non menos obvio resulta que case todas as civilizacións foron cimentadas sobre bosques. Ata unha parte do petróleo, do gas e todo o carbón que agora nos move era unha selva que tragou a terra hai millóns de anos. O bosque é o seu propio manancial e funda o seu propio clima”. E, de feito, como tamén destaca Araújo, a propia palabra “humanidade” procede de “humus”, imprescindible para a vida e completa creación do bosque.

 

Monte Aloia. Pontevedra.

 

Esta exposición está incluída na Corrente Cultural, un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación; e enmárcase na iniciativa Cultura por alimentos que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais, convidando aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.

 

Fragas do Eume, A Coruña.

 

‘Berces de vida. De paseo polos bosques de España’ permanecerá aberta de o 13 de marzo ao 14 de abril no Centro Cultural Avenida e poderase visitar de luns a venres de 12 a 14 horas e sábados, domingos e festivos de 17 a 21 horas.

 

Bosque de Riofrio. Fresnedas, Segovia.

Artigos relacionados

Back to top button