A RúaConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa asinará o 11 de setembro a cesión dos terreos para o novo Centro de Saúde

Están situados na rúa Arnaveca da vila e suman unha superficie de 7.288,79 m2

Álvaro Fernández, alcalde da Rúa.

 

É un proxecto longamente demandado para o que na mañá do 11 de setembro darase un paso clave. O Concello da Rúa asinará a cesión dos terreos para a construción dun novo Centro de Saúde no municipio. Están situados na rúa Arnaveca e teñen unha superficie total duns 7.288,79 m2. Hai xa uns días facíase pública a aprobación definitiva do proxecto de ocupación directa dos mesmos.

“O máis importante é que xa contamos cos terreos. O proxecto de ocupación xa se aprobou e un dos seus requisitos dese proxecto é un acordo previo entre as partes, só falta plasmar ese acordo de cesión deses terreos nun documento e facer un acta”, destaca o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.

Tras a sinatura da cesión e a inscrición non rexistro dos terreos a nome do Concello, “o seguinte paso é poñernos en contacto co Sergas para que elaboren o proxecto, entendo que antes terán que sacar a licitación do mesmo”, adianta o rexedor.

Hai que lembrar que o 31 de xaneiro asinábase un protocolo de colaboración entre o Concello da Rúa, a Deputación de Ourense e a Consellería de Sanidade para a execución das obras de construción do novo centro de saúde no Concello da Rúa.

Segundo ese acordo, o Concello da Rúa realizará os trámites oportunos para a transmisión en pleno dominio e libre de cargas e gravames da parcela para a construción do centro coa cualificación urbanística axeitada ao Plan Funcional e de Espazos, mentres que a Deputación de Ourense executará as infraestruturas como o acceso rodado e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado e telefonía. Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) levará a cabo os tramites necesarios e as obras de construción do novo centro de saúde, unha vez posta a disposición a parcela necesaria.

“Eu fun pola vía que eu considerei que me ía levar a destino”, sinala o alcalde rues referíndose as xestións realizadas para conseguir estes terreos, “era un camiño complexo porque había que ir a un proxecto de ocupación, entre outras cousas, xa que os terreos que se barallaban anteriormente non valían, pero era o único camiño. Ademais estes terreos están xa marcados no plan urbanístico, xa aparece o terreo como dotacional, como axardinado, como vial, xa estaba preparado así dende o goberno municipal de Avelino García Ferradal, entón agora xa non temos que traballar sobre o plan, xa temos ese paso tamén dado, o que nos permite ir moitísimo máis rápido”.

Artigos relacionados

Back to top button