Tras meses de moito traballo, moitas reunións, debates e horas de investigación, o Concello da Rúa conta por fin coa imaxe corporativa. Unha imaxe sinxela e elegante que reflicte a esencia da vila valdeorras (a rúa principal sobre a que xira, as montañas que a envolven, o río que a baña, a súa xente, a súa historia…) e que era presentada na mañá deste venres 12 de xullo pola alcaldesa María G. Albert e a súa creadora, a deseñadora ruesa Verónica Vieira González.
Crear unha imaxe/ marca da Rúa era unha prioridade que o BNG tiña claro para este mandato, algo que entendeu tamén o tripartito que goberna. “A Rúa tiña que achegarse ao século XXI e para iso hai que facelo dende o principio e mudar dende a base e, implementar unha imaxe de marca acorde coas necesidades do Concello era unha prioridade “, dixo a alcaldesa, destacando que é “un proxecto moi desexado e necesario para este concello”.
Con respecto á creadora, María recoñece que foi unha decisión “na que non houbo dúbida porque queriamos que fose unha persoa da Rúa e profesional do sector do deseño que ademais é unha muller que xa ten traballado con nós en diferentes proxectos, demostrando a súa valía”, dixo, destacando que “a primeira cousa da que estamos orgullosos é da persoa encargada de desenvolver esta imaxe gráfica” que formará dende hoxe parte de toda a cartelería, comunicaciónse apartado gráfico e dixital que dependa do Concello da Rúa.
Un cambio de imaxe para o concello que “ten que levar aparellada un cambio de actuación e actividades”, e que máis alá dun logotipo, atende á identidade da vila poñéndoa en valor. Esa é segundo explicou a deseñadora gráfica a esencia da imaxe corporativa que, ao referirse a un concello “ten que ter claro que os clientes son o propio pobo que ten que verse reflectido, así como a xente que vén, a que está de paso e a que ten idea de quedar; que se fará unha idea segundo a linguaxe gráfica coa que o mesmo se dé a coñecer”. Será pois o “reflexo do pobo e a súa carta de presentación”, dixo a creadora.
Así, a imaxe corporativa dun concello ten que por en valor a súa cultura e sociedade, respaldando a honestidade, profesionalidade, calidade e accesibilidade. “Ten que responder á actualidade pero ao mesmo tempo ser atempora, flexible e respectuosa coa historia e a tradición”, dixo Verónica explicando pormenorizadamente o seu deseño de A RÚA, para o cal empregou unha tipografía robusta e sen “serifa” (de pau seco) á que engadiu unhas terminacións orgánicas (para os dous A e o R) que toman como referencia de inspiración as ondas do río Sil; o Ú aparece arroupado polo R e polo A “facendo un guiño ao val e as montañas que o gardan”; rematando coa liña de separación entre as dúas palabras como a representación gráfica da rúa que atravesa o pobo. “O logotipo, ao igual que A Rúa, está construído nacendo de ambos lados”.
Con respecto ás cores da nova imaxe corporativa, manteñen o amarelo e o azul tradicionais pero “levadas car á atemporalidade dos tons pastel” e incorporando novas coras que aportan frescura e vitalidade.
Natural da Rúa e diplomada en Deseño Gráfico cun máster en Deseño e Dirección de Arte, Verónica Vieira González fundou en 2019 o seu propio estudo, “Por las Ramas”, recoñecendo que dende que empezou a estudar deseño e pode que incluso antes, un dos seus soños era crear a marca corporativa do seu pobo. “Algo que nunca pensei que chegaría a cumprir e anos despois aquí estou”, dixo, ao que a alcaldesa, que na presentación estaba acompañada por Luis Fernández Gudiña, respostou que “foi un auténtico luxo, primeiro traballar con Vero e despois que a persoa que desexou a imaxe sexa daquí e que teña unha formación tan específica ampla do deseño como ela”.
Fotos e vídeos: O SIL.