ConcellosFolgoso de CaurelÚltima hora

O Concello de Folgoso do Courel acorda pedir a declaración de zona catastrófica polos incendios

 

Por unanimidade vén de aprobar esta mañá a Corporación do Concello de Folgoso do Courel nun pleno extraordinario un conxunto de medidas para facer fronte os efectos producidos polos incendios forestais de xullo de 2022 neste municipio. Entre elas figura a solicitude ao Goberno de España da “declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil”, coloquialmente denominada “declaración de zona catastrófica”.

“Todo o Concello foi testemuño da extrema gravidade da situación que se vivíu, a cal puxo en risco colectivo o noso municipio, xerando un estado de perigo inminente ás persoas e bens, tal e como demostran as sucesivas resolucións da Consellería de Medio Rural decretando, como medidas preventivas, a “situación 2” –que é o segundo nivel máis alto de emerxencias na comunidade galega- en non poucos dos incendios que se sucederon”, dicía a proposta da alcaldía, aprobada por unanimidade.

“O lume”, dicía a alcaldesa Lola Castro, “afectou a multitude de núcleos de poboación arrasando vivendas e infraestruturas privadas, plantacións, equipamentos agrícolas, apícolas e forestais; propiciou o desaloxo de moitos veciños e veciñas das súas vivendas por mor dunhas lapas que ameazaban con destruír todo canto se atopaban ó seu paso; obrigou a pechar diversas estradas de acceso ó municipio; xerou cortes de subministro eléctrico; afectou a traídas e auga; arrasou aldeas e calcinou boa parte do patrimonio natural, flora e fauna do noso entorno. En definitiva, a situación revestiu un carácter de emerxencia extraordinaria e excepcional sen precedentes”.

 

 

Arestora, “sofocados os lumes e estabilizada a situación incendiaria a día de hoxe, cómpre dar inicio á fase de recuperación, sendo preciso que tódalas Administracións Públicas poñamos en marcha un conxunto de accións e medidas de axuda que se dirixan a restablecer á normalidade da zona sinistrada e coadxuven a paliar os aínda hoxe incalculables danos producidos”.

O documento aprobado en pleno conclúe que “cómpre pór de manifesto que o Concello de Folgoso do Courel encóntrase, a día de hoxe, nunha situación de “catástrofe”, a cal, de acordo co co regulado no artigo 2.6 da Lei 17/2015, de 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil, é unha situación ou acontecemento que altera ou interrompe substancialmente o funcionamento dunha comunidade ou sociedade por ocasionar gran cantidade de vítimas, danos e impactos materiais, cuxa atención supera os medios dispoñibles da propia comunidade”.

Artigos relacionados

Back to top button