En portadaÚltima hora

O Concello de O Bolo abre este sábado ao público o Museo Yosso

A obra pictórica e literaria do artista de Valbuxán poderá verse os sábados de 10 a 12 horas ata o 31 de setembro

Interior do Museo Yosso, no Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Un par de meses despois da súa inaguración, o Concello de O Bolo abre ao público o Museo Yosso. Así, dende este sábado 16 de xullo e de momento ata o 31 de setembro, a sala de exposicións adicada ao artista natural de Valbuxán poderá visitarse os sábados de 10 a 12 horas con informadora turística incluída. Os interesados teñen que reservar a súa entrada chamando ao 606 01 71 05 xa que o acceso estará controlado para protección das pinturas e tamén por medidas Covid-19.

O museo, con entrada independente está situado nas dependencias do CEIP do Bolo, sito na rúa César Conti Nº 6, e o acceso terá un custe xeral de 1,80 €/persoa. Os veciños censados no Bolo terán pase de balde; os menores de 12 anos e as persoas maiores de 65 pagarán 0,90 € e os grupos de máis de 10 persoas tan só 0,60 €/persoa.

 

Entrada do museo.

 

No recorrido pola obra deste polifacético artista, poderanse ver neste momento uns 74 cadros entre óleos, pasteis, carboncillos e debuxos. Todos eles fan referencia a súa vida na súa aldea natal, Valbuxán, a súa familia e algúns son pinturas da súa estancia en Francia, aínda que tal como indicaron na inauguración do museo os familiares que cederon a súa, o contido irá cambiando cada certo tempo para que se poida coñecer a extensa obra do Cisne de Valbuxán.

José Porto García (Valbuxán 1943-2019), Yosso para a pintura, Xosé de Valbuxán para a escrita, conta con este museo no Concello de O Bolo para poder dar a coñecer a súa obra despois de ter en vida exposicións en lugares tan destacdos como París, Narbona, Londres ou Madrid. A súa exposición en Vilariño de Conso no 2018 foi a última antes de falecer en agosto do 2019.

Dende o Concello de O Bolo invitan a todos os veciños e visitantes “a visitar o único museo de Valdeorras para coñecer e gozar do artista de Valbuxán e do seu xogo coa luz e a cor”.

 

Artigos relacionados

Back to top button