
A xunta de goberno local aprobaba na súa xuntanza deste xoves 18 de marzo, a convocatoria das axudas que o Concello de Ourense lles concederá ás familias para a compra libros e material escolar e para os gastos en comedores escolares para o próximo curso 2021/2022, cun orzamento de 294.250 euros. Tamén aprobou a convocatoria das subvencións que lles darán apoio ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor en Ourense no ámbito dos servizos sociais, dotadas cun orzamento de 325.000 euros.
Nos dous casos, as persoas e entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde o día seguinte ao que se publique o extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Na mesma sesión, a xunta de goberno aprobou as bases que rexerán as convocatorias para seleccionar as actividades que organizará o Concello dentro do programa de envellecemento activo, e nos centros cívicos, tanto as dirixidas ás persoas adultas como as orientadas á rapazada.