
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acordou cancelar todos os eventos que o Concello estaba a organizar para os meses de outubro e de novembro. “Aínda que sexan tecnicamente viables, o rexedor dálle prioridade ás recomendacións sanitarias para evitar a expansión da Covid 19”, aseguran dende o ente local. A decisión era tomada na mañá deste martes 29 de setembro trala reunión con representantes da Consellería de Sanidade -Félix Rubial, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e Laura López del Castillo, xefa territorial da Consellería de Sanidade- na que, ademais das medidas de coordinación entre administracións, estivo sobre a mesa a celebración das tradicionais Festas dos Magostos, e a carreira pedestre popular do San Martiño.

“A carreira está supeditada a manter as condicións sanitarias na cidade”, afirma Pérez Jácome, malia que era un evento tecnicamente viable, como así se derivaba das reunións mantidas no día de onte coa Federación Galega de Atletismo e técnicos do Consello Municipal de Deportes. “Intentámolo ata o último segundo”, afirma, pero “dada a situación non podemos provocar situacións de risco para a poboación”.
Tal como lle adiantaron ao alcalde, Félix Rubial e Laura López, a situación é “a curto prazo moi pesimista, e a medio prazo, gris”. Por este motivo, Gonzalo Pérez Jácome afirmaba ao remate da reunión que se “cancelan todos os eventos que produzan risco de contaxios por agrupacións de persoas”.
