OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense convoca axudas para libros e comedores escolares

O obxectivo é dar apoio ás familias con menor poder adquisitivo e en desvantaxe social

O Concello de Ourense convoca axudas para a compra de libros e material escolar e comedores escolares no próximo curso 2020/2021. Xunto a esta convocatoria ordinaria de axudas para libros e comedores, que se realiza todos os anos, a Concellería de Política Social traballa tamén nunha segunda convocatoria, extraordinaria, co obxectivo de que “ningunha familia que precise estas axudas se quede sen elas”, sinala a concelleira Eugenia Díaz Abella.

 

Foto: Mónica G. Bellver.

 

As axudas están dirixidas a unidades de convivencia en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo residentes e empadroadas no Concello de Ourense que non superen os 3.500 euros de renda per capita anual, e que teñan nenos ou nenas ao seu cargo estudando en centros públicos ou concertados de Ourense. O orzamento ascende a un total de 294.250 euros.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral do Concello de Ourense, na Praza Maior, ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, achegando a documentación requirida nas bases reguladoras. O prazo para presentar as solicitudes abrirase o luns, 22 de xuño, e permanecerá aberto durante 15 días hábiles.

Artigos relacionados

Back to top button