
O goberno municipal da Cidade das Burgas decidía a eliminación este ano da programación do Entroido de Ourense a elección do Rei ou Raíña do Entroido, ao entender que esta é “unha figura anacrónica xa que os reis e raíñas do Entroido son todas persoas que participan na festa”. Explican a este respecto que “o Entroido non vai de entronizar unha figura, non é unha festa de misses e misters, senón unha festa popular, de todo o pobo, e da que todas as persoas son protagonistas”.
O goberno municipal potenciará a celebración da festa fomentando ese carácter popular, con apostas como a do gran desfile de Entroido, e a súa extensión ao público infantil, coa celebración dun desfile de nenas e nenos o venres de Entroido.

Neste sentido, o alcalde Gonzalo Pérez Jácome, avanzou o pasado luns en rolda de prensa que o Concello mantén o “Plan A” para a celebración desta festa, coa confianza de que a pandemia remita e non aumenten as restricións. Haberá, dixo, 4 grandes orquestras, carpas para actividades e unha zona de Entroido infantil con carpas durante os catro días, amais do desfile infantil, o gran desfile do Entroido e o Enterro da Sardiña.
Serán, dixo, unhas festas nas que confía en “manter chea a Praza Maior desde o sábado até o martes de Entroido, como fixemos en 2020” que terán como colofón o concerto que ofrecerá a cantante Marta Sánchez no Auditorio Municipal de Ourense o sábado, día 5 de marzo.