OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense organizará unha olimpíada escolar con competicións atléticas e académicas

A final do campionato atlético celebrarase na pista de Expourense na primavera do ano 2022

 

A través da Concellería de Educación, o Concello de Ourense, organizará unha olimpíada escolar con dúas competicións: unha de carácter atlético, e outra de carácter académico. Trátase dunha iniciativa destinada a escolares de menos de 16 anos, e nela participarán todos os centros do Concello de Ourense co dobre obxectivo de “incentivar, recompensar e darlles aliciente aos rapaces en idade escolar, por unha banda, e para captar talentos ocultos ou futuras vocacións, pola outra”.

O campionato atlético estará composto de probas básicas e troncais en deportes como o salto a pés xuntos, o salto vertical, o lanzamento de balón medicinal, un sprintde 60 metros lisos, ou unha carreira de medio fondo -1.000 metros lisos-. Desde a Área de Educación proporcionaráselles aos colexios participantes un protocolo para establecer criterios de valoración das probas, e que servirá para acceder á gran final. Esta celebrarase na pista de atletismo de Expourense na primavera do ano 2022.

A outra proba será a académica, con probas de literatura (redacción, composición poética…); lóxica para desenvolver e incentivar o desenvolvemento do xuízo crítico; cultura xeral, cun cuestionario baseado nos temarios da formación regulada; e unha outra de inglés.

Os premios entregaranse nunha gala de clausura aínda sen data.

Artigos relacionados

Back to top button