CulturaCulturaÚltima hora

O Concello de Parada de Sil convoca o XVII Concurso fotográfico Rosa Pons Fábregas

O prazo de presentación das fotografías rematará o vindeiro 15 de xuño

 

Dende hoxe día 17 de abril pódense consultar as bases na web do concello de Parada de Sil para participar na XVII edición do concurso fotográfico, que, unha vez máis, está patrocinado polo empresario de Parada afincado en Barcelona Camilo Yáñez Pons, a quen o alcalde, Aquilino Domínguez, lle agradece o seu mecenado. O prazo para a presentación das fotografías rematará o 15 de xuño.

Este prestixioso concurso conta con dúas modalidades. A primeira delas leva por título “Visións de Parada de Sil”, e ten como finalidade fomentar a creatividade para dar a coñecer ao público en xeral a diversidade e riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística dos distintos lugares do concello e terá un primeiro premio de 800 euros e un segundo de 300 euros.

 

 

A segunda modalidade é de tema Libre e pretende “estimular a participación e creatividade de fotógrafos que non poden acudir a Parada e vén aportando dende o comezo unha importante contribución que amosa o coñecemento deste concello e deste concurso moi lonxe incluso das nosas fronteiras como pon de manifesto a foto gañadora do ano pasado enviada dende Bangladesh”, segundo o rexedor. Tamén ten dous premios sendo o primeiro de 700 euros e o segundo de 200.

Os premios serán outorgados por un xurado elixido polo Concello e pola Asociación Cultural Ouro do Sil, a quen o alcalde de Parada de Sil agradece a súa colaboración. O fallo do concurso emitirase o día 29 de xuño e entregarase en datas próximas á festividade de San Ramón.

Artigos relacionados

Back to top button