EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O Concello de Quiroga presenta o cartel da súa XLII Feira do Viño

O gañador d primeira edición do concurso foi “Terra de viño” da quiroguesa Zeltia Mateo, feito con maquillaxe

Presentación cartel.

 

Zeltia Mateo Fernández foi a gañadora do concurso do cartel da XLII Feira do Viño de Quiroga, co lema “Terra de viño”.

Tal como explican dende o Concello, nas bases do concurso pedíase que os carteis aludiran ao espírito da feira facendo especial fincapé no mundo do viño e no patrimonio e cultura de Quiroga; e o xurado -composto por un deseñador gráfico, unha técnica en imaxe e encargados do departamento de cultura e turismo- entendeu que o cartel da quiroguesa Zeltia no que destaca a imaxe do Túnel Romano de Montefurado, así o facía. “Por iso esta obra da enxeñería romana foi o lugar escollido para anunciar a XLII Feira do Viño de Quiroga”, din.

 

 

A presentación do cartel gañador tiña lugar na mañá deste martes 5 de marzo por parte do alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, acompañado da práctica totalidade do Grupo de Goberno, xunto coa artista.

Unha vintena de carteis presentáronse a este primeiro concurso, no que destacou a alta participación local co IES de Quiroga á cabeza e tamén a participación feminina xa que o 85% dos presentados estaban asinados por unha muller. A temática dos traballos foi moi variada así como a técnica empregada.

Zeltia Mateo, gañadora dos 300 euros do premio é perruqueira a domicilio pero é ben coñecida polos impresionantes traballos de maquillaxe de efectos especiais que fai sobre ela mesma e que xa traspasan fronteiras. E con esta maquillaxe foi coa que elaborou o cartel gañador do concurso. Esta moza é ademais das persoas que viven con intensidade esta feira na que leva participando toda a súa vida e que como ela mesmo recoñece “cando acaba unha feira xa estou pensando na do ano seguinte”.

Artigos relacionados

Back to top button