CulturaCulturaÚltima hora

O Concello de San Xoan de Río organiza un obradoiro do proxecto Galicia Latente

Será o sábado, 20 de xullo, na Casa do Concello, ás 20:00 horas

O Concello de San Xoan de Río organiza un obradoiro do proxecto Galicia Latente, unha iniciativa de Eduardo de Martís. Galicia Latente é un proxecto para achegar ás persoas o valor social, económico e sustentable que atesoura a cultura galega no presente. Así mesmo planeta unha visión holística desde onde visibilizar os retos e oportunidades que nos están a conformar.

O proxecto ten como base un estudo-libro homónimo de recollida e divulgación fotográfica da cultura galega (seguramente o único do presente) e as súas múltiples realidades que estamos a vivir en Galicia. Está autoeditado polo fotógrafo Eduardo de Martís e componse de 221 páxinas, 233 fotografías feitas entre os anos 2020 e 2023, ao longo de máis de 140 concellos galegos, incluído o de San Xoan de Río.

Ademais, Galicia Latente ofrece un obradoiro chamado “Deconstruíndo conciencias”, que é o que se vai celebrar en San Xoan de Río. Este obradoiro comeza cunha presentación sobre a importancia e dimensión da cultura, continuado cunha proxección do documental Galicia Latente e logo un coloquio titulado “retos e oportunidades da cultura galega”, rematando cunha recollida de valores locais.

“Agardamos que haxa debate e convidamos a todas as persoas interesadas a asistir e participar. Este obradoiro organízao o Concello de San Xoan de Río e o proxecto Galicia Latente, coa finalidade de coñecer e concienciarse sobre o valor da nosa contorna, das súas debilidades – como estamos a vivir o envellecemento poboacional – e das súas potencialidades – como a cultura ou o patrimonio nos pode aportar riqueza -. Neste caso, comezamos cunha reflexión sobre a cultura local”, comenta o alcalde de Río, Xosé Miguel Pérez.

O proxecto Galicia Latente xa estivo presente en Bruxelas e París. Así como tamén en concellos como, A Coruña, Guitiriz, Cervo, Sober, Mañón, Sarreaus etc. No caso de Río, o obradoiro será na Casa do Concello, o sábado 20 de xullo, ás 20:00 da mañá.

Artigos relacionados

Back to top button