Neste luns, 14 de abril, o Concello de Trives estrea un novo servizo de alugueiro de bicicletas eléctricas, co obxectivo de “fomentar a mobilidade sostible e ofrecer unha alternativa de lecer e turismo activo tanto para a veciñanza como para as persoas que visitan a vila”, indican dende o ente local.
A iniciativa conta con catro bicicletas eléctricas que estarán dispoñibles para o alugueiro a través da páxina web www.bicitrives.eu. Tal como explican dende o Concello poderanse empregar en horario de mañá, de 9 a 15 horas, ou de tarde, de 15 a 21 horas, nunha modalidade de media xornada cun prezo de 3 euros. “Tamén se ofrece a posibilidade de desfrutar dunha xornada completa, de 9 a 21 horas, por un prezo de 5 euros”, engaden.
Con esta acción, o Concello busca “promover o uso de medios de transporte respectuosos co medio ambiente, ademais de contribuír á posta en valor da contorna natural e patrimonial de Trives, facilitando unha forma diferente, cómoda e sustentable de coñecer o territorio”.