ConcellosÚltima horaVerín

O Concello de Verín garante o abastecemento de auga potable nos seus núcleos rurais

Foto: Concello de Verín.

 

O Concello de Verín ultima unha serie de obras de mellora da rede de abastecemento de auga potable (así como a instalación de novas infraestruturas) nos seus núcleos rurais, coa finalidade de garantir o servizo a toda a veciñanza.

Segundo explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, ditas actuacións realízanse coa finalidade de “blindar” o acceso a este servizo básico, en todas as parroquias, “sexa ou non a súa rede de abastecemento de titularidade municipal, adiantándonos á posible seca que se prevé poida producirse ao longo da época estival”.

“Nalgunhas destas parroquias”, lembrou Seoane, “autoabastecíanse a través de pozos privados ou directamente do propio río, xerándose con frecuencia dificultades para garantir a auga potable en cantidade e calidade suficiente”.

Así pois, atendendo ás súas necesidades específicas, realizáronse diferentes accións nos núcleos rurais que así o necesitaban, tal e como sinala o Concello:

Mourazos: construción de dous novos pozos subterráneos de captación de auga potable con abastecemento eléctrico e sistema de bombeo.

Tamaguelos: construción dun novo pozo subterráneo de captación de auga potable con abastecemento eléctrico e sistema de bombeo.

Feces de Cima: construción dun novo deposito de auga, así como do seu conduto desde a captación.

A Rasela: Debido a problemas de subministración co seu antigo depósito, realizouse a conexión á rede de abastecemento do núcleo urbano de Verín (xestionada pola empresa Espiña e Delfín).

Artigos relacionados

Back to top button