ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco apoiará un documental sobre A Cidade da Selva de Casaio

Está previsto que se remate no ano 2022 e que a súa estrea se faga nesta vila valdeorresa

 

“É un proxecto que aposta por reunir información de cara a desvelar parte do noso pasado que ten que ver co fenómeno dos fuxidos na guerra civil, do que coñecemos como Maquis. O Concello do Barco considera que se trata dun feito histórico moi signficativo que tivo lugar en Valdeorras, e que ademais recolle feitos da historia de Galicia, polo tanto, entendemos que tiñamos que estar aí”. Deste xeito explicaba o concelleiro de Comercio, Promoción Económica e Turismo do Barco, Eladio Santos, o apoio económico que o Concello lle dará ao documental “A Cidade da Selva”, que se está a realizar nestes momentos nos montes de Casaio, por parte da produtora Metropolis.coop e de Sputnik Labrego.

Este documental, no que comezaba a traballarse xa no 2019, céntrase en como “a comarca de Valdeorras foi o marco do derradeiro conflicto da guerra civil, estamos falando dos anos 40, xa finalizara este conflicto, pero a xente que estaba nos montes de Casaio, os primeiros fuxidos que logo se reconvertiron en guerrilleiros, xente viviu a guerra. Nestes montes estaban fisicamente máis de 200 persoas fixas, era un paso moi importante entre Galicia, Bierzo (León), Asturias e Portugal e, polo tanto, a magnitude e as redes que tiña a guerrilla co estraperlo e con outro tipo de procesos facían desta historia algo superinteresante para tratar”, explica o director do documental, Miguel Riaño.

Nun principio o proxecto contará cun financiamento que se estima nuns 100.000 euros, sendo a aportación do Concello do Barco ao mesmo de 3.000 anos. “No documental usaremos  recreacións a través de animación. Eliximos este formato porque pensamos que é o máis respectuoso coa historia, imos recrear situacións para que o público poida poñerse nese lugar”, adiantaba Riaño.

Está previsto que esta obra audiovisual se remate no 2022 e que a súa estrea sexa no Barco, tal e como adiantaba Eladio Santos. Logo poderá verse en diferentes lugares de Galicia.

Durante a presentación tamén se proxectaba unha escolma de imaxes das entrevistas que formarán parte do documental.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button