ConcellosÚltima hora

O Concello do Barco baixará a taxa de tratamento de residuos sólidos urbanos

O desconto na factura do lixo a partir do primeiro trimestre do 2020 será do 4,32%

O alcalde do Barco, Alfredo García durante a súa intervención no Pleno. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Concello aplicará un desconto do 4,32% “nos recibos do lixo de cada veciño do Barco”. Así o aseguraba o alcalde do municipio, Alfredo García, na sesión plenaria celebrada na tarde do 3 de outubro, na que se aprobaba cos votos a favor do PSdeG e do Grupo Mixto (BNG e Riada Cidadá), e as abstencións do PP,  “aprobar inicialmente o expediende de modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa de tratamento de residuos sólidos urbanos e publicar a disposición de dito acordo no taboleiro do Concello e no BOP para continuar coa aprobación definitiva do expediente e a súa entrada en vigor”, despois de ser aprobada a súa inclusión por vía de urxencia na orde do día. O PP abstíñase por “non estar dacordo coa actuación do grupo de goberno de incluír pola vía de urxencia temas deste tipo”.

Tal como puxo de manifesto o alcalde, a urxencia vén marcada pola condición imposta por Sogama. “A reducción do 10% do prezo que os concellos pagan por tonelada enviada a Sogama, vén coa condición de que repercuta nos recibos que paga cada un dos veciños, tendo que ser efectiva a modificación da ordenanza da taxa antes do 1 de xaneiro de 2020”, dixo Alfredo, engadindo que na factura do primeiro trimestre do 2020, irá tamén o desconto correspondente ao ano 2019 “por iso hai que aprobala antes do 31 de decembro”.

Tamén por vía de urxencia era incluída na orde do día a modificación parcial da ordenanza fiscal reguladora da taxa de servizos no cemiterio municipal, para dar resposta á demanda de columbarios ou osarios (pequenos nichos nos que se introducen restos óseos o as urnas coas cinzas) que antes practicamente non se utilizaban. “O arquitecto xa fixo o informe e unicamente se trata de engadir na ordenzanza a concesión de osario que ten un valor de 200 euros”, asegurou Alfredo García. O punto foi aprobado cos votos a favor do PSdeG PSOE e do Grupo Mixto e as abstencións do PP.

 

Os voceiros do BNG e Riada Cidadá expoñendo as mocións /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Pleno incluía ademais dúas mocións presentadas polo Grupo Mixto que tamén eran aprobadas. A primeira, exposta polo voceiro de Riada Cidadá en relación ao cambio climático, incluía varios acordos entre os que destaca a declaración da situación de emerxencia climática por parte do Concello do Barco “sinalando o compromiso para desenvolver políticas efectivas para facer fronte ao cambio climático”; e o deseño por parte do Concello “dunha estratexia global en materia de enerxía, educación, emprego, conciencia, etc con contratos de cumprimento que adianta o proceso de descarbonización ao ano 2040″.  O Partido Popular presentaba unha enmenda que non era aprobada, polo que os concelleiros populares abstíñanse na votación, aprobándose a moción cos votos 11 votos do PSOE e do Grupo Mixto. Na súa intervención, o tenente alcalde Aurentino Alonso asegurou que o Concello do Barco leva anos apostando polo medio ambiente e a sostibilidade enumerando unha a unha as accións levadas a cabo (cambio e luminarias, campañas de reciclaxe,…).

A outra moción, aprobada por unanimidade, era defendida polo voceiro do BNG Suso Vilasánchez solicitando que o Concello do Barco se dirixa ao Concello da Coruña “para o cambio de nome da rúa Peñamaría de Llano na citada cidade”, así como para retirar “do cadro de honra dos alcaldes” o seu retrato, “aténdose ao decreto do goberno do Estado sobre a Lei da Memoria Histórica”. Segundo explicou Vilasánchez, Peñamaría de Llano foi tenente do I Terzo da III bandeira da lexión, destacada en Viloira (O Barco), “a encargada da represión na comarca de Valdeorras. Foi alcalde franquista da cidade da Coruña entre o 19 de maio de 1959 e o 4 de xullo de 1963, procurador nas cortes franquistas entre o 1959 e o 1963, así como tamén xurídico militar de carreira, e como tal participou en numerosos consellos de guerra sumarísimos. Como tenente de mando e xa rematada a guerra civil, participou directamente o 18 de outubro de 1939 na execución de Domingo Rodríguez e Amalia López, veciños de Soulecín (O Barco), diante dos veciños da aldea. Un acto de barbarie sen ningún tipo de acusación ou defensa. Peñamaría non só estaba ao mando da tropa, senón que persoalmente deu o “tiro de graza” aos citados veciños”. Asemade, “o 19 do mesmo mes e ano, o tenente Peñamaría de Llano ao mando da tropa da lexión cometeu tamén na aldea de Oval (Rubiá) o asasinato de Adoración Fernández Cardóniga e a súa filla Remedios, (…), sen motivo legal de ningún tipo. Este señor foi un represor e un asasino e non pode ter honores de ningún tipo por iso presentamos a moción”.

 

Un momento do Pleno celebrado na tarde do 3 de outubro./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O PSOE pola súa banda pesentou unha enmenda modificando algún parágrafo porque “non nos parece correcto instar a outro Concello, polo que propoñemos que en lugar de solicitar ou instar ao da Coruña, se lle informe sobre a actuación de Peñamaría de Llano e dos feitos acontecidos ao remate da Guerra Civil en terras de Valdeorras nos que participou, aos efectos de que en caso inicar algún procedemento relacionado coa Lei de Memoria Histórica sexan tidos en conta e contribúan a promover a reparación moral da veciñanda da comarca de Valdeorras e recuperar a súa dignidade”.

 

Artigos relacionados

Back to top button