En portadaÚltima hora

O Concello do Barco cancela o programa alternativo á XXI Festa do Botelo

Cultura márcase como límite o mes de marzo para levar a cabo as xornadas gastronómicas previstas aínda que dubidan que se poidan facer

Camareiro levando a bandexa co botelo na pasada edición da Festa do Botelo. /Foto: Ángeles Rodríguez.

 

O vindeiro sábado 23 de xaneiro debería celebrarse a XXI edición da Festa do Botelo, a cita gastronómica por referencia no Barco de Valdeorras e de Interese Turístico de Galicia, pero a pandemia de Covid-19 deixou claro que non ía ser posible. Con todo, dende a concellería de Cultura que dirixe Margarida Pizcueta levaban semanas traballando nun programa alternativo centrado nunhas xornadas gastronómicas en colaboración co sector hostaleiro da vila, que chegasen ata o Entroido (do 23 de xaneiro ao 21 de febreiro). Xa tiñan a cartelería preparada e a idea era que os restaurantes participantes incluísen o botelo e o cocido valdeorrés nos seus menús, tamén con servizo a domicilio. Ademais, pensaban manter a programación paralela (proxección dunha película con argumento baseado na gastronomía -coma sempre en colaboración co Cine Club Groucho Marx- e un concerto).

A concelleira tiña a intención de informar na comisión de Cultura desta programación alternativa, pero as últimas restriccións da Xunta por mor da pandemia obrigaban ao departamento que dirixe a suspendelas temporalmente, xa que ás xornadas aínda lles queda unha posibilidade, moi remota, de que a situación sanitaria mellore e permita levalas a cabo como moito a comezos de marzo. “Máis tarde non tería sentido”, asegura Pizcueta, engadindo que quedan á espera do que pase os vindeiros días pero as expectativas non son boas. “Parece que máis ben camiñamos cara o confinamento”, di Pizcueta.

O obxectivo destas xornadas era seguir promocionando a festa e que a xente desfrutase do botelo tamén nas casas, pero “non ten sentido animar á xente a que se reúna ao redor do botelo cando as autoridades sanitarias están limitando as reunións a catro persoas”, asegura a concelleira. Así, “seguiremos traballando para cancelar que é o que estamos facendo ultimamente, pero prefiro iso a non facer nada ou intentalo polo menos”, conclúe.

Artigos relacionados

Back to top button