ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco enviará un escrito á universidade pedindo “a gratuidade das probas da ABAU”

O alcalde considera "unha discriminación flagrante cara a Galicia interior" que os concellos do oriente ourensán e sur de Lugo teñan que pagar para que os exames se fagan na Rúa

 

“Non ten ningún sentido, nin ningún tipo de razoamento que os concellos teñamos que pagar para que se realicen en Valdeorras os exames da ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade). Por iso, dende O Barco imos mandar un escrito á universidade pedindo a súa gratuidade”. Así o aseguraba o alcalde do Barco, Alfredo García, no pleno que a Corporación municipal celebraba na tarde deste 9 de decembro, no cal se aprobaba un recoñecemento extraxudicial de crédito para aboar os gastos destas probas correspondentes aos anos 2016, 2017, 2018, 2019 e 2020, o que supón un importe total de 27.851.846 euros.

A estas probas, que se celebran no verán no IES Cosme López da Rúa, veñen acudindo unha media duns 150 alumnos das comarcas de Valdeorras, Terras de Trives, Quiroga e mesmo doutros concellos como A Teixeira.

Neste punto da sesión, o edil de Riada Cidadá, Félix García, plantexaba que “non é lóxico que os concellos desta zona teñamos que pagar por esas probas cando no resto de Galicia os concellos non pagan nada. Hai que empezar a cambiar esa mentalidade e que iso o asuma a universidade”.

O rexedor do Barco amosábase totalmente de acordo con esa idea, indicando ademais que se trata “dunha discriminación flagrante que se fai dende a universidade á Galicia interior. Hai uns 8-10 anos pretendían ademais quitarnos esas probas, con todo o que significa que 150 alumnos teñan que trasladarse a unha cidade para facelas. Hai que retomar este tema porque non pode haber unha Galicia de primeira e unha Galicia de segunda nun tema tan básico como é o da educación e o do acceso á universidade”.

Rexeitada a moción do BNG sobre a ORA

Nesta sesión plenaria tamén se debatía unha moción presentada polo concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, na que se pedía que se teña en conta na ordenanza reguladora da ORA ás “persoas traballadores de empresas ou servizos localizados en zona ORA que teñan en activo un contrato de longa duración ou similar”.

No texto da iniciativa o edil nacionalista apuntaba que “actualmente hai un estrato poboacional que, sen ser residentes, tampouco se poden considerar visitantes, e son os empregados e empregadas de comercios, empresas ou servizos localizados fisicamente en zona ORA, e que moitas veces por razón do seu traballo están imposibilitados a ir a renovar os tíckets. Estas persoas vense obrigadas a buscar métodos alternativos ou asumir multas non por insolidarios senón por imposibilitados. É certo que a multiplicidade contractual do noso ordenamento laboral, e a precariedade na estabilidade laboral dos traballadores faría imposible por parte do Concello dun control de persoal áxil para facilitar o seu desenvolvemento laboral a tódolos traballadores, pero non é imposible ante contratos laborais de fixeza ou longa duración”.

Nese senso, o BNG pedía na moción que o Concello do Barco de Valdeorras redactase “para as bases das seguintes concesións do servizo da ORA unha modificación que conceda beneficios similares aos das persoas residentes, para as persoas traballadores de empresas ou servizos localizados en zona ORA que teñan en activo un contrato de longa duración ou similar”.

A moción resultaba rexeitada polos 9 votos en contra do grupo municipal socialista e coas 6 abstencións do PP e Riada Cidadá. Era precisamente o edil desta formación, Félix García, quen iniciaba o debate indicando que a “ORA fíxose coa idea de que os coches se moveran e con iso o que facemos é estabilizar ao que chega primeiro, e a xente que viva nas zonas periféricas do Barco ou que veña de fóra necesita ter un espazo para acudir ao comercio local”. Aínda así, García Yáñez consideraba que “esta moción está ben plantexada como debate, e isto hai que abrilo tamén á sociedade, por iso, ata que non teñamos resolto como imos plantexar os tempos da ORA, eu voume abster”.

Pola súa banda, a voceira do grupo municipal do PP, Sabina Aguado, comentaba que “o contrato da ORA está vencido e a súa prórroga tamén, polo que pensamos que debería estar suspendido o seu cobro mentres non haxa un novo contrato. O que habería que debater é ORA si ou ORA non e que obxectivo se persegue con este servizo. Por iso é unha cuestión urxente que se elabore o prego, e ese sería o momento de recoller esta e outras propostas posibles”.

Dende o grupo socialista, o seu voceiro municipal, Aurentino Alonso, incidía en que a “ORA xurde como medida que garanta a rotación de vehículos, non é para darlle facilidade a alguén que deixe o seu coche aparcado por un módico prezo, seon aó revés. De feito estas son as reclamacións que fan habitualmente os comerciantes”. Así mesmo aludía a que “temos un plan de mobilidade que recolle varios aparcamentos disuasorios e as rúas, cada vez máis, van rescatadas para os peóns”. Aínda así, Alonso recoñecía que “no futuro imos ter que darlle unha volta á ORA para ver cara onde imos”. Nesa mesma liña, o alcalde barquense engadía que “isto haberá que debatelo, nós estamos abertos a estas cuestións, o debate plantexado é razoable e nesa liña temos que seguir”.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button