ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco estuda ampliar novamente a EDAR

Ademais trabállase no proxecto para revitalizar a área recreativa do Salgueiral en colaboración coa CHMS

 

A Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Barco podería volver a ampliarse. De levarse a cabo sería a segunda ampliación desta infraestrutura en apenas catro anos. O motivo: “á depuradora chegan demasiadas augas limpas porque hai moitas filtracións e isto supón un problema porque retrasan a depuración, entón é complicado que o reactor biolóxico depure de forma adecuada”, explica o alcalde do Barco, Alfredo García.

Neste senso, unha solución sería unha nova ampliación, o que implicaría un importante investimento. Pero, cabe outra posibilidade, que tamén se va analizar. “Dende o Consorcio de Augas imos facer un estudo de todos e cada un dos colectores do Barco para ver de onde proceden esas augas limpas e tamén dos seus saneamentos, para ver se pode actuar evitando que esas augas chegen á depuradora. E incluso se plantexa a posibilidade de facer pozos de tormentas”, prosegue o rexedor barquense.

Unha vez realizado ese estudo, remitiráselle á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS). “Posiblemente metamos cámaras no interior dos colectores para ver a cantidade de auga. E unha vez que teñamos ese estudo tomaremos a decisión de se amplía a EDAR ou ben se se arranxan os tubos”, indica o alcalde.

Ademais o Concello do Barco pretende buscar unha solución ao aliviadeiro da Proba. “Entre o colector da Proba e a entrada da depuradora hai pouco desnivel, entón cando vén moita auga do Barco a súa presión impide que a da Proba chegue á depuradora. Queremos solucionar iso”, engade Alfredo García.

 

 

Revitalización da área recreativa do Salgueiral

Por outra banda, dende o Concello do Barco valórase de maneira moi positiva as propostas recibidas no concurso para a revitalización da área recreativa do Salgueiral. “Foron suxerencias moi interesantes e axustadas á realidade, xa que non se pode esquecer que esa zona é todo cauce e dentro do río non se poden facer moitas cousas. A nosa idea é deixar a área máis ou menos como está, pero ben coidada, limpa e aproveitando o que se pode aproveitar”, matizaba o rexedor.

Dende o Concello do Barco xa lle remitiu a proposta de intervención nesa zona barquense á CHMS para que a analicen. “Os técnicos da confederación xa estiveron vendo o lugar. Nós barallamos a idea de facer un circuíto de terra para bicis e tamén poñer algún xogo infantil, ademais de levar a cabo unha repoboación máis potente con árbores de ribeira. O tema está en marcha”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button