
O Concello do Barco vén de proceder á limpeza do depósito de auga de Candís ante o alto grao de turbidez que adquiriu a auga da traída polos arrastres xerados no seu arroio polos restos dos incendios, e isto combinado coas chuvias dos últimos días.
Ademais procedeuse a encher o depósito cun camión cisterna. “Pensamos que a situación agora vai mellorar”, dicía esta mañá o alcalde do Barco, Alfredo García, que tamén explicaba que tamén se “meteu auga no depósito de Coedo”.
Así mesmo o rexedor informaba de que a partir de hoxe volveranse encher “os depósitos coa auga do río, e, a partir de aí imos ver que pasa na próxima semana porque volver haber previsións de fortes chuvias. É dicir, este problema pode estar resolto ou podemos continuar con el durante varios meses”.