ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco pretende que a praza Maior se estenda ata o río Sil

O alcalde, acompañado por técnicos municipais, mantiña unha reunión coa veciñanza para explicarlle a proposta de reforma desta zona da vila

 

O proxecto de reforma da zona da praza Maior-Porto da Barca que o Concello do Barco pretende levar a cabo explicabáselle esta tarde aos veciños nunha reunión celebrada nese mesmo lugar coa presenza do alcalde, Alfredo García, e de técnicos municipais.

O rexedor comezaba lembrando as intervencións anteriores realizadas na praza, a última delas en 1999, na que se eliminaron desta parte da vila os vehículos. A partir de aí comentaba que o obxectivo agora é abrir a praza ao río, aproveitando ademais o desenvolvemento do Plan de Mobilidade, xa que por aquí o único tráfico que se mantén nestes momentos é o de residentes e o de vehículos de carga e descarga.

Neste senso, a iniciativa do Concello inclúe tres actuacións principais, tal e como matizaba o alcalde: unhas catas arqueolóxicas na zona do Porto da Barca, o descubrimento da fonte situada baixo a praza e a apertura desta praza ao río Sil “cunha escalinata descanso e elementos complementarios para espectáculos ou charlas, como un graderío”.

A idea tamen inclúe a eliminación dos aparcamentos, buscando que a praza sexa “un continuum ata o río”, unindo os diferentes espazos actuais, de forma que dende o inicio da praza xa de poida ver o Sil. E, a nivel de acabados, buscarase o máis sinxelo posible, sinalaban os técnicos.

“O proxecto non vai a prexudicar a ningún dos negocios da praza”, aseguraba Alfredo García, quen comentaba que se poden presentar suxerencias e ideas a esta proposta inicial no Concello.

De cara a primeiros do vindeiro o ano o Concello do Barco podería ter xa un proxecto redactado, que deberá pasar os informes sectoriais de institucións como a Dirección Xeral de Patrimonio ou a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button