EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

O Concello do Barco proxecta dinamizar e impulsar a Praza de Abastos

Nun prazo de dous meses pretende sacar a concurso os postos baleiros neste mercado

 

Poñer en valor e dinamizar a Praza de Abastos do Barco. É un proxecto no que está a traballar o Concello do Barco. Un paso claro neste senso ten sido ubicar nela o punto de información turística que vén de abrir as súas portas nesta semana, dende o que tamén se busca promocionar e impulsar os produtos agroalimentarios da zona. Moitos deles están a venda neste mercado barquense, un referente en produtos de calidade locais, frescos e a prezos interesantes.

Pero a iniciativa municipal pretende tamén cubrir os postos que nestes intres están baleiros e que xeran interese. “Temos 4-5 postos libres e proximamente imos sacalos a licitación para poñelos a disposición da xente, xa que vemos que xa hai persoas interesadas e esperando por eles. Estamos mirando se podemos reformar un pouco a ordenanza actual para axilizar o proceso. Eu creo que en dous meses como moi tarde sairán a licitación, haber se temos éxito e conseguimos que estea chea completamente, ese é o noso obxectivo”, adianta o concelleiro de Promoción Económica e Turismo do Barco, Eladio Santos.

Ademais o Concello estuda tamén unha iniciativa para tratar de dinamizar este entorno comercial buscando, ao mesmo tempo, que sexa máis atractivo e teña máis posibilidades, adianta Santos, “incluso de financiamento”. Unha vez perfilado o proxecto será presentado aos praceiros.

“Pensamos que praza é moi atractiva”, engade o concelleiro, “o alugueiro dos postos é asequible e iso dá posibilidades para arrancar con ganas un negocio e, se che vai ben, medrar. É como unha especie de viveiro de empresas do sector comercial tamén”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button