ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco realizará melloras na área de autocaravanas de Viloira

Tamén prevé construír unha pasarela sobre o arroio Cigüeño, coa que se completará a obra de mellora da avenida de Bierzo e se dará acceso ao aparcadoiro que se creará ao outro lado do regato, e o camiño da rúa a Ribeira

Actual zona de autocaravanas no Campiño de Viloira (O Barco)./ Foto: A.R.

 

O grupo de goberno barquense presentará ao pleno ordinario deste mes de xullo, previsto para o vindeiro xoves día 1, unha proposta para a modificación do orzamento xeral do Concello para 2021 mediante suplemento de crédito, financiado con remanente de tesouraría, por un total de 447.728 euros.

“Con cargo a esta modificación executaranse diferentes proxectos, algún deles xa previstos no plan de obras aprobado no seu día, e outros totalmente novos. Entre os xa previstos están a construción dunha pasarela sobre o arroio Cigüeño, coa que se completará a obra de mellora da avenida de Bierzo e se dará acceso ao aparcadoiro que se creará ao outro lado do arroio, e o camiño da rúa a Ribeira. Estas obras teñen un orzamento de algo máis de 64.000 euros”, segundo adianta o Concello do Barco.

Outro proxecto é o que se vai realizar no aparcadoiro da área de autocaravanas existente no Campiño de Viloira, que se trasladará a un espazo existente entre a pista polideportiva e o parque infantil, “o que permitirá crear una zona máis atractiva para este tipo de instalacións. Suporá un investimento de algo máis de 46.000 euros”, segundo adianta o goberno municipal do Barco.

Entre os proxectos de relevancia desta modificación están os arranxos de estradas, que despois do inverno e das xeadas se atopan en malas condicións. O arranxo da estrada entre Éntoma e A Veiga de Cascallá, a subida ao Serro por detrás do cemiterio, Vilanova-Forcadela e Soulecín-Castro de Vilariño conta cun orzamento de algo máis de 99.000 euros. Tamén se inclúe o bacheado de rúas nas zonas de Vilobal, O Serro, Nogaledo, O Castro, A Proba, Córrego, Outarelo, Xagoaza, Vilariño e Alixo cun custo previsto de case que 90.000 euros. Preto de 40.000 euros máis se destinan a realización de pequenas obras de bacheado en diferentes zonas: acceso á Edar, e camiños en Veigadecabo e A Proba.

A reparación do saneamento en Santurxo e Millarouso ten un custo de preto de 10.000 euros, e construirase un muro en Castro de Vilariño para soster un vial de acceso, cun orzamento de 25.620 euros.

Outro proxecto incluido é o de iluminación do exterior da Consistorial para dar cumprimento a todas as peticións que fan entidades e institucións para iluminar de determinada cor un edificio municipal.O orzamento ascende a 7.895€. Outros 9.000 euros destínanse á adquisición de mobiliario para a oficina de DNI que se abrirá no Concello.

Artigos relacionados

Back to top button