O Servizo de Información Turística do Concello do Bolo retoma a súa actividade neste mes de xullo. As visitas guiadas volven ter guías oficiais de Galicia dende este venres, día 7 de xullo, para ofrecer toda a información sobre o castelo medieval, o santuario das Ermidas e o Museo Yosso, tal e como se informa dende o Concello. Así mesmo reactiva o teléfono de información turística e de reservas de visitas: 606 01 71 05.
O horario de verán será de venres a domingo e tamén se abrirá os festivos 25 de xullo e 15 de agosto. O guiado gratuito farase de 10 a 12 horas no Santuario barroco das Ermidas de venres a domingo e festivos marcados. O Castelo medieval ten unha entrada especial de 2 euros para público xeral e outra reducida para xubilados, grupos, parados e escolares, sendo de balde para os veciños que estean empadroados no concello amosando o seu DNI. A súa visita guiada será de venres a domingo, e festivos, de 12:30 a 14:30 horas. Pola súa parte o Museo Yosso, único museo pictórico en Valdeorras,
abrirá as súas portas, os sábados, cada 15 días e sempre con reserva previa de 10 a 12 horas. As datas marcadas de apertura en xullo son o 15 e o 29 e en agosto o 12 e o 26.
Ademais o 19 de agosto haberá unha xornada especial no Castelo do Bolo cunha visita teatralizada ás 21 horas co grupo de teatro Platea Lúa, patrocinada pola Deputación de Ourense e coa colaboración do concello bolés. A visita será gratuita e para reservar faise no teléfono específico desta actividade: 617557961 O Concello do Bolo e o seu alcalde, Alberto Vázquez Rodríguez, consideran o turismo como un dos sectores cruciais por ser un importante instrumento de dinamización económica, sendo esencial para a súa dinamización este servizo de información turística. Os meses de verán son os de maior afluencia de visitantes e de retorno de veciños emigrados polo que dende o concello queren ofrecer o mellor servizo e así axudar aos establecementos comerciais e hostaleiros da zona.