Da man de Fran Perea e Pablo Piñeiro, seguido dunha sesión disco, na madrugada do 15 de agosto baixaba o pano a Baco Festa 2022, logo de tres días de degustación de viños da D.O. Valdeorras ademais doutros produtos da zona, e un completo programa no que non faltaron as actividades para os máis pequenos, a música e mesmo a maxia.
No apartado musical, a xornada do domingo, a últimas da festa, estivo marcada polos sons tradicionais da Banda de Gaitas de Abertal que actuou pola mañá, música ambiente ao longo de todo o día e a actuación de Fran Perea e Pablo Piñeiro pasadas xa as 23:30 horas, co seu espectáculo Lo que te contaron el amor que combina música, literatura e humor.
Nesta actuación en formato acústico e íntimo, Pablo Piñeiro puxo de manifesto as súas investigacións en torno ás relacións sentimentais, algunha delas recollidas no seu libro Lo positivo de fracasar en el amor. Pola súa banda, Fran Perea interpretou algúns dos seus temas musicais dedicados ao amor con grandes clásicos da súa discografía entre os que non faltaron La chica de la habitación de al lado ou Uno más uno son siete, tema central da serie Los Serrano.
Humor, reflexión e emocións nun espectáculo único e irrepetible que conquistou ao público na Rúa, poñendo o broche de ouro a esta concorrida e animada edición da Baco Festa pola que segundo a organización pasaron unhas 5.000 personas. “Unha cifra moi superior á rexistrada en anos anteriores na mesma celebración”, tal e como explican fontes da Policía Local da Rúa, sendo a do domingo pola noite, segundo destacan desde a organización, a xornada máis concorrida cunhas 1.600 persoas congregadas en diferentes momentos no recinto feiral do Aguillón, moitas delas atraídas polo concerto.
Fotos: Mónica G. Bellver.