A música, o deseño e outras novas formas de expresión artística serán as protagonistas dunha edición especial da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense (ICC Week), que terá lugar do 7 ao 10 de outubro adaptada ás especiais circunstancias motivadas polo Covid-19.
O programa inclúe unha programación musical con destacados artistas do panorama musical actual como Anni B Sweet, e Juan Perro que actuará o sábado 10 de outubro ás 20h. no auditorio ao aire libre do Castelo de Ribadavia, con aforo limitado; ademais das reflexións de Alejo Stivel. Oscar Mariné, unha das figuras máis destacadas do deseño, achegará ata Ourense a súa visión do mundo e tamén haberá espazo para a análise da industria dos videoxogos, sector en constante crecemento. Debido ás circunstancias actuais, os aforamentos das charlas serán limitados, con inscrición previa, e todas as actividades poderán seguirse en directo, a través de canle de Youtube da ICC Week.
A Ourense ICC Week volve unha vez máis a centrar a súa imaxe no patrimonio cultural da provincia de Ourense, convertendo a Ribeira Sacra na protagonista desta nova edición, e remarcando a aposta da Deputación de Ourense na súa candidatura para converterse en Patrimonio da Humanidade. Neste marco, o Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil será o escenario da primeira xornada do ICC Week, que acollerá o encontro do Consello Asesor de Cultura de Ourense, onde se analizará o futuro do sector cultural despois do COVID, ademais da entrega dos premios “Rodolfo Prada” á xestión cultural e “Xosé Aurelio Carracedo” de xornalismo
A xornada inaugural contará tamén coa conferencia de Oscar Mariné, destacado deseñador, ilustrador, tipógrafo e artista, quen vén de realizar numerosos traballos nacionais e internacionais en campos tan diversos coma o deseño editorial, a imaxe corporativa, o cine ou a industria musical e se define a si mesmo como un comunicador sen límites.