CD BarcoDeportesFútbolÚltima horaVídeos

O concerto protagonizado por Los Secretos, acto central do 50º aniversario do CD Barco

Será o 16 de setembro, no marco das Festas do Cristo, e contará con Jr. Jingles (banda liderada polo barquense Ramiro Núñez) como teloneiro

 

No mes de xuño o Centro de Deportes Barco cumprirá 50 anos. Unha importantísima data que celebrará por todo o alto con distintas actividades que se desenvolverán ao longo dos meses entre as que destaca un concerto de luxo previsto para o 16 de setembro, en plenas Festas do Cristo.

Esa primeira actividade conmemorativa do 50º aniversario do CD Barco era presentada na mañá deste mércores no campo municipal de Calabagueiros, por parte do presidente do club Nilo Ramos, da concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta, do alcalde do Barco Alfredo García e do responsable da produtora Tomate Rafael Martínez.

 

O presidente do CD Barco, Nilo Ramos.

 

O acto tiña lugar diante da tres copas máis significativas gañadas polo CD Barco: a única Copa Galicia que exite, unha Copa Deputación e a Copa do ascenso a Terceira División lograda coa actual directiva. Alí, o presidente Nilo Ramos explicou que xa hai tempo que pensaran en facer algo “que chamara a atención, que fose bonito, ilusionante e lembrado para a toda a vida”. Así xurdia a idea dun concerto cun cartel de luxo protagonizado por Los Secretos, todo un referente no panorama musical nacional e que contará con Sr. Jingles, banda liderada polo barquense Ramiro Núñez como teloneiro. Tamén actuarán Sofía Cristo, Dani Argü Dj e Jorge Rodríguez.

 

 

Malia o descenso a Preferente, Ramos confía en que o ano do aniversario sexa ilusionante contando con outras actividades como un programa informático para poder ver os trofeos dende diferentes partes de España aínda que estarán expostas durante toda a tempada nun baixo cedido por Manolo Miranda. “Tamén teremos un torneo para nenos de Proliga o ano que vén e dous xantares, un para toda a base (pais, xogadores e familiares) e outro coordinada por Castro para xente que pasou polo club nestes 50 anos, tanto xogadores como directivos e adestradores”.

 

 

Pola súa banda Margarida Pizcueta salientou o feito de ter xuntado “a festa dos 50 anos de vida do CD Barco coa maior festa que temos no Barco, a do Cristo, dando forma a este cartel” do que se sinten especialmente orgullosos. “Cando se xuntan forzas saen cousas moito máis potentes como esta”, dixo, adiantando que xa teñen practicamente pechado o programa das Festas do Cristo, sendo a do sábado a “gran proposta”.

Pechando o acto, o alcalde do Barco, felicitou aos responsables do CD Barco “primeiro por esas ganas que teñen de que o ano que vén volvamos subir (algo que merecen polo que representa para o pobo pero sobre todo por esta direciva que leva traballado tanto) e en segundo lugar por esta colaboración co Concello que nos permite acceder a un concerto potentísimo que doutro xeito non tería sido posible e que seguro que será un éxito total”.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button