CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

O Coro Santa Rita, do Barco, o único galego nas Festas da Encina de Ponferrada

Actuarán o luns 9 de setembro na praza Maior, cun repertorio especial para a ocasión

Naceu ao abeiro da igrexa de Santa Rita, de onde colle o nome, hai xa case unha década. Pouco a pouco foise profesionalizando e saíndo a actuar máis alá do templo barquense e hoxe, o Coro Santa Rita do Barco atesoura unha ampla traxectoria musical con actuacións dentro e fóra da comarca de Valdeorras.

Dirixido por Silvina Bravo, o coro está formado por unha quincena de persoas (mulleres e homes de diferentes idades) cunha afección común e, ademais de cantar e dependendo das actuacións, introducen diferentes instrumentos  como acordeón, frauta traveseira, guitarra, percusión,…

Teñen actuado en practicamente todas as catedrais de Galicia e mesmo na TVG, ademais de harmonizar numerosas vodas (o 14 de setembro teñen unha en Xagoaza) que personalizan segundo os gustos dos noivos, e o vindeiro luns 9 de setembro teñen unha nova cita na praza Maior de Ponferrada, nun certame coral no marco das Festas da Encina. “Esta é a terceira vez que nos convidan e somos o único coro galego”, explica orgullosa a directora, adiantando que están preparando un repertorio especial para a ocasión con pasodobres, valses e habaneras. Entre os temas que cantarán figuran Que bonito es El Bierzo e Virgen del Bierzo.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button