EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O CRDO Monterrei e Abanca renovan o seu convenio de colaboración

 

Novo impulso na colaboración entre o Consello Regulador da D.O. Monterrei e Abanca. Ambas entidades veñen de renovar o convenio que manteñen en vigor. O Consello Regulador e a entidade bancaria traballaron nun novo texto moi centrado en dar respostas á situación límite que está a vivir o campo, moi marcada polo repunte dos custos.

A presidenta do C. R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva, e a directora de zona de Abanca en Ourense Sur, María José Pérez, foron as encargadas un ano máis de asinar en Verín o novo convenio. Desde este momento, os viticultores e adegas poden acceder ás novas alternativas de financiamento deseñadas para facer fronte as necesidades do colectivo.

“O foco do novo catálogo recae nas necesidades máis perentorias para o colectivo, moi marcadas nestes primeiros meses do ano no crédito. Por iso, inclúense produtos con condicións melloradas na contratación, entre os que destaca unha conta de crédito deseñada para financiar os gastos de abono, fertilizantes, poda e outros aspectos da actividade do sector. Con todo isto, contarán cun prazo de ata cinco anos, que lles permitirá aforrar gastos de intervención notarial”, segundo informan o consello regulador e a entidade bancaria.

Os integrantes da D.O. Monterrei tamén optarán a produtos como liñas de comercio exterior, financiamento mediante leasing, confirming, factoring, avais e anticipos de subvencións ou impostos. No caso de poñer en marcha investimentos para mellorar a competitividade das súas explotacións agrarias, crecer ou afrontar retos estratéxicos, o colectivo contará con outras solucións como préstamos específicos con prazos de amortización amplos e intereses baixos.

Ademais, poderán aproveitar as fórmulas de financiamento oficiais que o banco inclúe nos convenios con diversos organismos públicos, como o ICO ou o Igape.

A entidade financeira porá a disposición dos viticultores seguros específicos para o sector, como a liña Agro Seguro, o Seguro de Explotación Agraria ou o Peme Adegas. Para xestionar isto, Abanca ofrecerá aos integrantes do Consello Regulador persoal especializado na xestión de seguros para que os asesoren sobre as pólizas que mellor se adapten ás necesidades persoais.

“Coa renovación deste convenio buscamos que as nosas adegas e viticultores teñan a opción de optar a servizos e produtos que sexan de utilidade para o seu funcionamento diario”, destaca a presidenta do C. R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva.

Artigos relacionados

Back to top button