CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O curso 2021/2022 para ESO, Bacharelato e FP comeza este mércores 15 de setembro

A comarca de Valdeorras conta con algo máis de1.000 alumnos matriculados

 

Unha semanda despois das de Infantil e Primaria, este mércores 15 de setembro comezarán as clases en Educación Secundaria, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas) para máis de 209.000 estudantes galegos, algo máis de 13.000 na provincia de Ourense, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

As cifras de matriculación non serán definitivas ata dentro dunhas semanas, dado que aínda nos últimos días se realizaron exames de recuperación en Secundaria. Ademais, aínda e posible matricularse nos ciclos formativos que contan con prazas libres.

Segundo as estimacións e datos provisionais da Xunta de Galicia, 94.187 alumnos comezarán o curso en ESO, o que supón 448 menos ca no curso 2020/21, dos cales 8.935 farano na provincia de Ourense (811 na comarca de Valdeorras: 586 no Barco, 191 na Rúa e 34 en Carballeda).

Por outra banda, os mesmos datos provisionais que manexa a Consellería indican que 33.002 alumnos comezarán o mércores as clases de Bacharelato ordinario en Galicia, o que supón 128 máis ca no curso 2020/2021, dos cales 3.085 farano na provincia (259 en Valdeorras: 181 no Barco e 78 na Rúa).

No que atinxe ás ensinanzas de réxime especial, en concreto no referido ás básicas, de Secundaria e Bacharelato para adultos e ao Bacharelato semipresencial ou a distancia, segundo os datos provisionais prodúcese un lixeiro incremento do alumnado (299 estudantes máis) respecto do curso 2020/21, ata chegar a un total de 9.642 alumnos, 1.024 na provincia de Ourense. Pola súa banda, o número total de estudantes nas ensinanzas artísticas acada este curso os 10.155, 172 menos ca no curso anterior, en concreto, nas ensinanzas regradas de música, segundo as estimacións da Consellería, o número de alumnos será de 8.004, 163 menos ca no ano académico 2020/21.

No caso das ensinanzas regradas de danza o número de matriculados é de 341, sete menos ca no curso 2020/21; mentres que nas de arte dramática haberá 183 alumnas e alumnos, 12 máis ca no ano académico anterior. Pola súa banda, o alumnado matriculado en ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño aumenta en 14 alumnos, con 843 estudantes. No caso das ensinanzas artísticas superiores haberá 784 matriculados, 28 menos ca no curso anterior.

Finalmente, nas ensinanzas deportivas o incremento de alumnado é de 637 estudantes acadando os 1.928 alumnos.

 

Artigos relacionados

Back to top button