O Souto de Pumbariños constitúe “unha mostra exemplar do tipo de bosques explotados secularmente por campesiños e campesiñas galegas para a obtención de castañas e madeira (soutos)”, asegura o deputado Davide Rodríguez, engadindo que é “un dos elementos fundamentais do noso patrimonio cultural e natural”. Nel encóntranse exemplares de castiñeiro de gran lonxevidade e extraordinaria beleza, auténticos monumentos vexetais, entre os aque sobresar o coñecido como ”Castiñeiro de Pumbariños”, cuxo perímetro alcanza os 12,15 m.
Mais “o estado actual no que se atopa é lamentable, estando os castiñeiros afectados en elevado grado pola avespiña do castiñeiro e polo chancro, e levando anos sen ser sometido a ningunha clase de poda”, denuncia Davide. Aparte disto, a falta de limpeza no souto, propiedade da Administración autonómica, “fai que a maleza creza entre os castiñeiros, elevando así o risco de propagación de incendios forestais nun concello con alta actividade incendiaria”.
Por todo isto dende o grupo mixto veñen de rexistrar unha proposición non de lei pedíndolle a Xunta de Galicia que “elabore un plan anual de mellora e mantemento do Souto de Pombariños (no concello de Manzaneda), propiedade da Xunta de Galicia e patrimonio natural de tódolos galegos e galegas, así como destinar urxentemente unha partida económica suficiente para facer os traballos de demouca, roza, vacinación contra o chancro do castiñeiro e a solta de Torimus Sinensis para combater a avespiña neste souto”.