EconomíaEconomíaÚltima hora

O deseñador vianés Jorge Álvarez compartirá protagonismo con Modesto Lomba nun dos encontros da Ourense ICC Week

O encontro "A moda e a economía creativa: como a industria da moda pode impulsar o desenvolvemento económico e cultural" será no Marcos Valcárcel (Ourense) o 18 de abril a partir das 20 horas

Aurelio Gómez Villar, Juan Rivas, Manuel Baltar e César Fernández, na presentación do Ourense ICC Week.

 

A IX edición da Ourense ICC Week, que se celebrará do 17 ao 23 de abril nunha ducia de localizacións da cidade e da provincia, ofrecerá ao público máis de vinte propostas para coñecer as últimas tendencias da industria e da creación cultural. Un amplo programa de actividades que abordarán desde a perspectiva cultural aspectos tan variados como a intelixencia artificial, a ilustración, ciencia, a estrea de producións audiovisuais, música, moda, radio, o emprendemento no rural e ata os camiños de Santiago.

“Ourense vai ser o epicentro do debate de tendencias e da innovación”, afirma o presidente da Deputación, Manuel Baltar, que pon o foco nos persoeiros das industrias culturais e creativas que se achegarán á provincia: “Nomes suficientemente atractivos, como en todas as edicións que levamos realizadas, tanto para o público en xeral como para os creadores de opinión”. Manuel Baltar felicitou ao coordinador da ICC Week, Juan Rivas, por un evento que “dá visibilidade a Ourense e permite acrecentar esa imaxe de provincia novidosa, con retos ambiciosos neste século XXI, no que temos moito que demostrar”.

 

O estilista e deseñador vianés, Jorge Álvarez./ Foto: @kristenwiccephotographer.

 

Pola úa banda, Juan Rivas sinala que esta novena edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas “permitirá coñecer a grandes referentes en temas de especial actualidade como por exemplo a intelixencia artificial, o lanzamento musical de grandes estrelas ou como convive a cultura tradicional cos novos medios”.

Co Observatorio Astronómico Trevinca (A Veiga) como imaxe do cartel desta novena edición, a Ourense ICC Week 2023 desenvolverase nunha ducia de localizacións. O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá a meirande parte das actividades, que se celebrarán ademais no Teatro Principal; na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde; na Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI); na localidade de Senderiz, en Lobeira; no CIFP da Farixa; e os xardíns Padre Feijoó da capital.

A creatividade ten múltiples facetas, algunhas das cales se tratarán nesta semana de actividades. Entre elas figura a moda e a economía creativa coa participación dun deseñador de renome como Modesto Lomba; da consultora en moda e sostibilidade Charo Izquierdo; e do encargado de vestiario de Tanxugueiras no Benidorm Fest 2022, o estilista e deseñador vianés, Jorge Álvarez. Ademais de sacar as súas propias coleccións e seguir traballando en varios proxectos coas cantareiras do século XXI, De Álvarez viste a personaxes televisivos como Esther Estévez, Agoney, Ruth Lorenzo, Rozalen, Inés Hernand, Laura Matamoros ou Lorena Castells.

Este encontro celebrarase no Marcos Valcárcel o 18 de abril a partir das 20 horas e será moderado pola directora xeral da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), Pepa Bueno. Toda a información da novena edición da ICC Week, na súa web: https://ourenseiccweek.com/es/

 

Artigos relacionados

Back to top button