O desfile infantil abría esta mañá o programa da Batucada Verín 2018 que encherá a vila do Támega de música, auga e festa para todas as idades.
En torno ás 11h. comezaba no CEIP Amaro Refojo, o percorrido coas profesións como temática elixida este ano. “Desde o grupo de goberno quixemos aproveitar a diversión de disfrazarse para educar aos cativos en igualdade de oportunidades e dereitos, seguindo así coa liña de mensaxes que ven emitindo o Concello de Verín neste tema”, explicou a Concelleira de Cultura de Verín Emilia Somoza. O desfile remataba de novo no colexio coa tradicional “Festa Infantil da Ludoteca”.
Pola tarde, de 16:30 a 20:30hora, será o turno da “Festa Acuática na Praia fluvial” para que os cativos, e os que non o son tanto desfruten xogando coa auga. Haberá animación musical, inchábeis de terra e, como novidade, un tobogán acuático xigante de 60 metros “que sen dubida será a actividade estrela desta edición da Batucada”. Devandita atracción está enfocada a un público tanto infantil como adulto e o prezo da entrada será de 5 euros por xornada completa.
Para intentar que a Batucada sexa tamén un escenario de difusión para a cultura local, o Concello de Verín organizou para esta edición unha “Batucada Alternativa” na que se poderán escoitar grupos de diferentes estilos. A praza García Barbón acollerá o escenario no que, de 20:30 a 3h. actuarán: o músico Brais Calles (Hang Drum e Didjeridoo) e os grupos locais Dous de Picas (Folk), Boston George (Rock), Mike Wass & Mind Archives (Electrónica).Pero como non podería ser doutra maneira, a auga e a escuma serán os principais protagonistas da batucada. O sábado 28, ás 16:30h. celebrarase na praza García Barbón a gran “Festa da escuma e da auga” coa animación a cargo de Discomóbil A Gramola. Ás 19h. comezará o “Desfile Pasarrúas da Batucada” que sairá da praza Maior e rematará no Pavillón dos Deportes de Verín. Este ano, o desfile contará coa presenza das batucadas Kilomberos de Monte Alto (A Coruña) e Xituma Batuke (Xinzo de Limia). Ao remate do desfile, ás 20:30h. na rúa Irmáns Moreno, Enjoy Disco Móvil Jorge será a encargada da animación musical.
Como fin de festa, o grupo Gin Toni´s pechará esta edición da Batucada cunha actuación na praza García Barbón.