CulturaCulturaÚltima hora

O documental “Hasta el alba”, cuxa narradora é Lucía Álvarez, a concurso na Seminci de Valladolid

Este filme, que se mergulla nos procesos creativos da Compañía Nacional de Danza, está incluído na sección DOC.España

Publicidade
Lucía Álvarez, na Biblioteca Nacional durante a rodaxe de “Hasta el Alba”./ Foto: Albiru Muriel Photography para o CND.

 

Entre os documentais a concurso na 66ª Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci), que se desenvolverá do 23 ao 30 de outubro, está o filme “Hasta el alba”, dirixido por Horacio Alcalá e cuxa narradora é a actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río). Básease na historia de Giselle, un ballet en dous actos considerado unha obra mestra da danza do Romanticismo, cuxa protagonista, unha moza bailarina traizoada polo seu amado, cae nunha danza solitaria e eterna que a lleva á loucura e á morte.

Este documental, con produción de Silvia Martínez, mergúllase nos procesos creativos da Compañía Nacional de Danza (CND) e na Giselle de Joaquín De Luz, contando cunha narración de Lucía Álvarez nun relato que comeza collendo un libro dun estante. Trátase de Giselle, o relato da desafortunada moza bailarina, inspirado nunha antiga lenda xermánica. “Eu descubro o libro, ábroo e empezo a lelo, e iso vaise tornando en imaxes e danza. Era moi impactante porque lías unha frase, imaxinábala, pero é que, de súpeto, iso facíase realidade ao meu carón. Resultou fermosísimo e en vivo, a verdade é que foi moi espectacular de facer, era como soñar esperta, as imaxes son beleza pura. Ademais a miña parte rodouse case por completo na Biblioteca Nacional”, conta Lucía Álvarez.

 

Fonte da imaxe: Seminci.

 

“Hasta el alba” (72 minutos) é un dos 13 títulos en competición na sección DOC.España pola Seminci, dos 17 (4 fóra de concurso) programados neste apartado, dedicado exclusivamente ao documental español. “A cultura e o traballo dos artistas de diferentes disciplinas centran o argumento de boa parte dos títulos que participarán en DOC. España”, segundo o festival.

Artigos relacionados

Back to top button