
As relacións entre home, natureza e paisaxe abórdanse no “III Ciclo de Cine. Paisaxe no Real Xardín Botánico de Madrid”, que se está a desenvolver neste mes de outubro. Desta volta ponse ademais o foco na capacidade transformadora do ser humano. Entre os filmes que poden verse nesta edición figura un traballo valdeorrés. Trátase do documental “Lobos sucios” (2006), do rues Felipe Rodríguez.
A súa proxección está prevista para o vindeiro 19 de outubro. Esta obra rescata a historia da explotación de wolfram na época nazi nas minas de Casaio, e no entorno do singular e máxico bosque do Teixadal, e serviu de base para a película do mesmo título que se estreaba con gran éxito o pasado abril.

No programa do ciclo califícase a “Lobos sucios” como un “exercicio de reconstrución da historia e o territorio, unha persecución das pistas que deixamos sobre as nosas paisaxes. Como un intento de descifrar o palimpsesto no que vivimos, o director busca as trazas da historia para contarnos algo que caíu no esquecemento”. Dentro deste ciclo tamén se inclúen longametraxes como El Olivo (2016) de Iciar Bollaín.