CulturaCulturaÚltima hora

O documental “O desafío do Sil”, do petinés Domingo Díaz, chega esta noite á TVG2

A peza afonda na transformación dunha paisaxe e unha sociedade totalmente rurais

Un momento da rodaxe de “O desafío do Sil”. /Foto: Social Docs.

 

Dentro de “A noite descuberta”, esta noite ás 23:25h. estrearase na segunda canle da TVG, o documental O desafío do Sil, unha peza do petinés Domingo Díaz que afonda na transformación dunha paisaxe e unha sociedade totalmente rurais, facendo partícipes os espectadores destes acontecementos.

Dende neno, Domingo Díaz Docampo convivíu cos encoros. En Petín, a súa localidade natal, Saltos do Sil construía un poboado e tamén o colexio onde el mesmo estudou. Tamén algúns dos seus profesores traballaban nesa empresa. “Da historia do Sil atraénme moitas cousas: a audacia duns empresarios que souberon adiantarse a súa época e ver as posibilidades de negocio, a xenialidade duns novos enxeñeiros, con apenas experiencia que construíron obras pioneiras en Europa; e a capacidade de esforzo e entendemento de todos os directivos e empregados para salvar calquera obstáculo. E, sobre todo, o cambio social e económico que significou a presenza das obras en núcleos, ata entón, exclusivamente rurais”.

Dese interese nace O desafío do Sil (2018) unha peza audiovisual con guión, dirección e produción de Domingo Díaz, rodado en localizacións da Rúa, O Bolo, Vilariño de Conso, Nogueira de Ramuín, Os Peares… Así como noutras zonas fóra da provincia de Ourense como Quiroga e Ribas de Sil (Lugo) e as comarcas leoneas de Babia, Laciana e O Bierzo.

Artigos relacionados

Back to top button