Coa proxección do documental “O desafío do Sil”, do valdeorrés Domingo D. Docampo, vén de completarse nesta tarde de luns a programación do “I Ciclo de Encontros sobre Valdeorras. A Memoria Histórica”, promovido polo colectivo Valdeorras Infinda e pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda na Coruña.
Este acto contaba coa presenza do director e despois de ver o filme xerábase un interesante coloquio entre o autor e os asistentes. Ademais, o pasado xoves tiña lugar a derradeira das conferencias desta primeira edición do ciclo, a cargo do profesor Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, quen analizaba a importancia do galeguismo do exilio en México, incluído o labor levado a cabo polo valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.
Valdeorras Infinda ten xa en marcha novos proxectos de cara ao vindeiro ano 2022. “Estamos a once días de que comece o Ano de Florencio Delgado Gurriarán e desde Valdeorras Infinda queremos contribuír a que se coñeza a súa figura e a súa obra”, adiantan dende este colectivo que aposta pola promoción da comarca.
Fotos cedidas.