CulturaCulturaÚltima hora

O documental sobre o mozo pastor Edilberto Rodríguez, “Cencerro do Público” no Festival Etnovideográfica

"El último de Arganeo" preestreábase o pasado 10 de decembro en Chantada

Edilberto Rodríguez (segundo pola dereita), co equipo do documental na preestrea en Chantada.

 

Apenas dez días despois da súa preestrea en Chantada cunha moi boa acollida, “El último de Arganeo”, o documental de David Vázquez sobre o derradeiro pastor da aldea de Pombriego (León) Edilberto Rodríguez, vén de ser premiado na quinta edición de Etnovideográfica que se celebraba nesta fin de semana.

Así, neste festival de documentais que promove o Museo Etnográfico de Castela e León, este filme galego (de PinanchoAudiovisuais) facíase co primeiro premio do público, é dicir, co “Cencerro do Público”. Ademais foi un dos traballos finalistas na sección de documentais de Castela e León.

A nova era recibida con moita satisfacción por Edilberto Rodríguez, que aínda mantén moi vivas as sensacións da estrea en Chantada, o pasado 10 de decembro. “Estivo xenial, houbo bastante xente e sentinme moi ben acollido por todo o mundo por David e pola súa familia. Ata ese momento eu non vira o documental, pero saíu como eu esperaba”, comenta.

Ademais este mozo de 24 anos conta que viviu este documental “dende dentro. Estás na serra e, de súpeto, vén unha xente a vivir a túa vida algo que, de primeiras, é unha cousa pouco chocante, pero despois do tempo que pasamos xuntos a verdade é que fixemos unha amizade moi grande, podería contar mil cousas. Ao mellor eles viñeron pensando que había bo camiño, que había outro tipo de cousas aquí ou de vida aquí, pero chegaron a un sitio onde camiño acabábase, botámonos as cámaras, as mantas e todo ao burro e leveinos para a choza na serra. Alí pasamos a fin de semana, tiveron que durmir no chan nunha cama de foleitos… Creo para eles, o mesmo que para min foi, unha experiencia xenial, entón non podía saír mal o documental”.

 

Unha das imaxes do documental./ Cedida.

 

Este pastor de cabras confesa que durante a rodaxe do documental “sentinme moi ben e eu notaba que a eles gustáballe o que estaban vendo, e non era nada actuado nin moito menos. Era a vida tal e como é, nin nada preparado, ía todo xurdindo. Eles querían recoller o que era o día a día dun pastor aquí na serra, e iso foi o que fixen, e despois o resultado vese que é natural, ben ou mal, pero é a vida que hai agora aí arriba”

Edilberto resalta ademais que neste filme “saen moitas cousas que a min me chegan, porque aparece a xente coa que me criei, coa que eu vivín e sae máis ou menos a miña maneira de ver e de tomarme a vida, a miña forma de pensar e de vivir”.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button