DeportesÚltima hora

O Dompavolei disputará o Campionato Galego Júnior Feminino

 

Este domingo 14 de abril disputarase na Estrada o Campionato Galego Júnior feminino de voleibol. O Club Voleibol San Martiño conseguiu clasificar en 4ª posición da 1ª División Autonómica despois de realizar unha gran segunda volta de liga regular.

Nunha fase final onde os 4 mellores equipos júnior de Galicia medirán as súas forzas en semifinais pola mañá e finais pola tarde, nunha xornada de espectáculo e emoción de máximo nivel deste deporte. “Un merecido premio á excelente tempada realizada”, xa que o equipo júnior do Dompavolei, composto na súa maioría por xogadoras xuvenís, máis novas que a propia categoría, e que na 2ª Division Galega Xuvenil quedaron campioas invictas e veñen de ser 7ª no esixente torneo EUROBOL de Gondomar (Portugal), enfrontaranse ao EMEVE de Lugo, favorito ao título e con xogadoras extraordinarias, que participan na Superliga 1 e son convocadas de maneira habitual pola selección Española. “Isto supón o maior dos retos, e un desafío para a canteira do club, que terá o mellor dos escenarios para demostrar a súa valía”, aseguran dende o Dompa.

Ademais, este campionato abre a porta á clasificación para o campionato de España da mesma categoría, que se xogará nas Palmas de Gran Canaria a mediados do mes de maio. Outro incentivo máis que mantén ao novo equipo ilusionado, e que supoñería un broche de ouro para o final do curso.

O domingo ás 12 horas no Pavillón Manuel Coto Ferreiro na Estrada xogaranse as semifinais, e pola tarde ás 18 e 19 horas o 3º/4º posto e a final, esperándose unha gran afluencia de público neste xa tradicional escenario dos Campionatos Galegos de Voleibol.

Artigos relacionados

Back to top button