CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O dúo Acordeireta lanza o seu primeiro traballo discográfico “Loitar cantando”

O acordeonista con orixes en Vilamartín de Valdeorras, Alejandro Balbuena e a pandereteira Patricia González presentan un disco cunha gran variedade de instrumentación e ritmos

Alejandro Balbuena Ojea, nunha actuación no Centro Cultural Avenida da Rúa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras unha longa traxectoria musical en solitario, a pandereteira Patricia González Iglesias e o acordeonista Alejandro Balbuena Ojea deciden xuntar a pandeireta e o acordeón para divertirse, pero tamén para seguir alimentando as súas almas, polo gusto de aprender e de transmitir un sentimento arraigado ás súas raíces e sobre todo “por reivindicar temas sociais dos nosos tempos, por homenaxear con música a persoas queridas e admiradas e, sobre todo, para dignificar a nosa lingua e a cultura galega”, aseguran.

Nace así Acordeireta, un dúo que combina varios instrumentos como acordeón cromático, acordeón diatónico, diferentes tipos de pandeiretas, pandeiros, culleres, bombo e zanfona ademais das voces. Patricia encárgase da familia da pandeireta e Alejandro da do acordeón dando como resultado o seu primeiro traballo discográfico Loitar Cantando, publicado en decembro de 2020 con verbas de Luz Fandiño.

 

Portada do disco “Loitar Cantando”.

 

Este primeiro disco en conxunto que goza dun estilo e son propios, está formado por quince temas, (tradicionais, de autor e unha gran parte de creación propia) nos que mesturan diferentes ritmos para crear un ambiente fresco e contundente, para escoitar e tamén bailar.

Ámbolos dous músicos son de Vigo pero Alejandro ten parte das súas raíces en Valdeorras. “Miña nai e tódolos antepasados maternos son de Vilamartín e arredores onde actualmente teño moita familia, así como noutros puntos da comarca, polo que vou sempre que podo”, asegura o propio acordeonista. De feito xa ten actuado na zona. En concreto en varios dos festivais que anualmente se celebran no Centro Cultural Avenida da Rúa con motivo do Día do Acordeón. Un evento musical organizado polo mestre de acordeón de Abertal, Manuel Olegario.

Artigos relacionados

Back to top button