Acompañado polos seus fregueses e tamén por sacerdotes da comarca de Valdeorras, Tomás Rodríguez Carbajo despedíase na tarde do 13 de agosto de 2021 da parroquia do Barco, á fronte da cal estivo durante 28 anos. Foi no decurso dunha misa, oficiada por 6 sacerdotes, que se celebraba na igrexa de San Mauro, a última que celebraba na vila barquense.
Despois marchaba para Astorga e alí falecía este luns 18 de xullo aos 84 anos de idade, habendo recibido os Santos Sacramentos e a B.A. Os seus irmáns Pedro, José “Pepito” (xa falecido) e Bienvenido (tamén falecido), as irmás políticas Gloria Carnero, Antonia González e Pilar Palacio, así como sobriños, primos e demais familia, rogan oracións polo eterno descando da súa alma.
As exequias e misa funeral terán lugar mañá, mércores 20 de xullo ás 11 horas na igrexa parroquial de Benavides de Órbigo (León), seguidas do enterro no cemiterio desta localidade, de onde era natural o sacerdote.
Trala súa retirada, Jesús Álvarez Álvarez collía as rendas da parroquia barquense, sendo o propio sacerdote quen anunciaba a través do seu Facebook o falecemento de Don Tomás, así como que haberá un autobús para quen queira acudir ao funeral que sairá do Barco ás 8:30 horas. Quen o desexe pode apuntarse na librería diocesana, a carón da igrexa de Santa Rita.