CulturaCulturaEntroido 2022Última hora

O Entroido de Sande recupera o desfile coas Bonitas, o Oso, as Avutardas e a Vaca

Será o Martes de Entroido a partir do mediodía

Comitiva do Entroido en Sande encabezada polas Bonitas./ Foto cedida.

 

Despois de moitas dúbidas e esperas, agardando a evolución da pandemia, dende o Entroido de Sande decidían organizar un Entroido como o de sempre, con algunhas puntualizacións para garantir a seguridade de todos. “Non podemos perder de vista que o noso é un Entroido rural, pequeno, nunha parroquia do Concello de Cartelle. Eso si, pedimos sentidiño ante todo e en breve publicaremos unhas pequenas normas que agardo que todos sigan para que a festa non supoña risco algún”, aseguran.

Deste xeito o Entroido nesta localidade do concello de Cartelle, dará comezo o sábado día 26 de febreiro coa captura do Oso no paraxe natural das adegas de Mogos que forman parte ademais do roteiro do río Gato e do do Castelo. Alí haberá sesión vermú con animación de música tradicional antes de dar comezo ao xantar ao aire libre a base de churrasco, chourizos, pan, viño, bebida, sobremesa e licores (inscricións ata o día 23 de febreiro). Todo elo por un prezo de 15 euros. Despois de xantar, á hora que o Oso esperte do seu letargo, sairá entre os carballos ata que se lle logre dar captura. Durante a xornada haberá servizo de bar.

Ao día seguinte, domingo 27, as Bonitas, persoaxe central do noso Entroido, sairán a recibir aos fregueses á saída da misa e perocorrerán os pobos que conforman a parroquia: Parvón, Oleiros e Prado.

 

Captura do Oso./ Foto cedida.

 

O luns, retomando un antigo costume sairán as Avutardas tocando latas, cunchas, apeiro de labranza… “Antigamente, a semana seguinte á festividade de San Antón, durante cada noitiña antes da chegada do Entroido, os veciños saían polo pobo facendo balbordo, botando aturuxos e entrando nas casas para tomar un viño, licor café, augardente… todo aquilo que os veciños lles ofrecían”, explican dende a Asociación Cultural Bonitas de Sande.

Con todo, o día grande da festa será o Martes de Entroido, día 1 de marzo, e pola mañá, ao redor das 12 horas, haberá o desfile coas Bonitas, o Oso, as Avutardas e a Vaca, que se suma á troula da xornada. O xantar será neste ano nunha carpa aberta con canón de calor. O menú será a base de xamón asado, callos, pan, bebida, sobremesa e licores por 15 euros (inscricións ata o venres 25).

Aqueles que se anoten aos dous xantares, terá un custo de 26 euros.

Os Mecos xa están na rúa

Como aperitivo e a pesar da chuvia, na pasada fin de semana, os veciños colocaron ao redor de 70 Mecos polas rúas de Sande. “Unha iniciativa que deu comezo o pasado ano e que este ano recuperamos sumando novos personaxes”, explican dende a asociación, adiantando que todo aquel que se anime “pode visitalos para sacarlle parecidos, montarse a súa propia historia ou tomar imaxes ben arrimadas… non teñen perigo algún”.

 

Cartel do Entroido 2022 de Sande.

Artigos relacionados

Back to top button