ConcellosÚltima hora

O equipo de goberno de Viana leva ao pleno un orzamento de 2,9 millóns de euros

Nesa mesma sesión, prevista para o 3 de outubro, tamén tomará posesión como concelleiro o socialista Santiago Barja

Imaxe dunha sesión plenaria en Viana do Bolo.

 

Entre os puntos da orde do día do pleno ordinario que celebrará a Corporación de Viana do Bolo o vindeiro 3 de outubro figuran a proposta de orzamento xeral para o ano 2020, que ascende “a 2.944.738,33 euros, o que supón un aumento de 210.438,33 euros con respecto ao exercicio anterior”, segundo o alcalde vianés Secundino Fernández, do BNG, que goberna en minoría.

Do conxunto do orzamento, un importe de 537.917,75 euros destínase a investimentos reais referentes a proxectos como: a aportación municipal ao convenio para o arranxo da estrada de San Agostiño (300.000 euros), a pavimentación de rúas en Penouta, Pixeiros e Mourisca (100.000 euros), a reforma e acondicionamento do antigo Centro de Saúde de Viana do Bolo (66.917,75 euros) e rehabilitación de locais sociais en Fornelos de Cova e San Mamede (70.000 euros).

 

O socialista Santiago Barja, ao fondo no centro da imaxe, ocupando a cadeira de concelleiro en Viana na anterior lexislatura./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nesta mesma sesión plenaria está previsto que tome posesión como concelleiro o socialista Santiago Barja, tras a demisión do edil, Pablo Salgado, que encabezaba a candidatura do PSdeG-PSOE nas municipais. Barja foi xa edil en Viana na anterior lexislatura.

Artigos relacionados

Back to top button