En portadaÚltima horaVídeos

O fervor polo Nazareno envolve a vila do Barco

A imaxe do Cristo percorría este mediodía as rúas barquenses nunha multitudinaria procesión encabezada pola imaxe do Pai Eterno de Lardeira

 

A devoción a Xesús Nazareno no Barco vivíase de xeito especial ao longo da mañá deste 14 de setembro, no que a vila vive o día grande das Festas do Cristo. Dende as 8 da mañá e ata as 11h. celebrábanse cada hora misas na Igrexa de San Mauro. Pero era a partir do mediodía cando se sentía máis intensamente o fervor polo Nazareno coa procesión na que a súa imaxe, portada por membros da súa confradía, percorría a vila.

Ademais, por segundo ano consecutivo, a procesión ía encabezada polos estandartes e cruces das parroquias de toda a Unidade Pastoral, sendo ademais a imaxe invitada na procesión deste 2023 a do Pai Eterno de Lardeira (Carballeda de Valdeorras). Tampouco faltaban na comitiva as Calantornias e os Cabezudos, xunto coa música da Agrupación Musical da Limia. Durante o percorrido a Policía Local encargábase de regular o tráfico, cortando puntualmente algunhas das rúas.

 

 

Multitude de persoas participaban nesta procesión que saía da Igrexa de San Mauro e, tras baixas polas rúa Escura en dirección ao Porto da Barca, continuaba despois por Doutor Pérez Lista ata a avenida Marcelino Suárez, iniciando así o camiño cara a praza Maior do Barco, onde se iniciaba a misa maior da festa. Tanto a procesión como a misa estaban presididas polo bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández González, acompañado por outros sacerdotes, entre eles o párroco barquense, Jesús Álvarez.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button