CulturaCulturaÚltima hora

O Festival de Curtas de Verín retoma as actividades infantís, tras 2 anos de parón pola pandemia

As sesións estarán dirixidas pola narradora oral Raquel Queizás e desenvolveranse no Auditorio os días 1 e 2 de setembro

Publicidade
Imaxe dunha actividade infantil nunha edición anterior do FIC./ Foto: FIC.

 

Logo de dous anos de interrupción por mor da pandemia, a cativada volverá ser protagonista no Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín ao programar o certame unha actividade específica para eles que se desenvolverá, por bloques de idade e baixo a batuta da narradora oral Raquel Queizás, nas xornadas dos días 1 e 2 de setembro no Auditorio. Baixo o título de Sopa Cómica, a organización do certame deseñou unha actividade para que os rapaces e rapazas de Verín e comarca se acheguen ao cinema e desfruten coa súa maxia e poder evocador.

Deste xeito, os máis pequenos poderán visionar os mellores traballos de determinadas figuras da comedia e descubrirán persoeiros enxeñosos como Mabel Normand, Collen Moore, Charles Chaplin, Buster Keaton, Laurel e Hardy (o Gordo e o Fraco) ou os Irmáns Marx, entre outros. Como broche final, os nenos e nenas gozarán cunha selección de curtas escollida pola organización do Festival. “Son curtas que fomentan o respecto polo outro, a liberdade, a paz, a tolerancia e a igualdade”, destaca o director do certame, Carlos Montero.

Dous bloques de idades

Para esta acción proposta polo FIC Vía XIV, prevese dividir á rapazada asistente en dous bloques de idade. Un composto por cativos e cativas de entre 2 e 7 anos (con 40 minutos aproximadamente de sesión) e outro composto por un público infantil de maior idade, de entre 8 e 12 anos (con 50 minutos aproximadamente por sesión). Dentro de cada un dos bloques de idade, os nenos e nenas poderán participar nunha votación popular infantil na que elixirán a mellor curtametraxe das visionadas, que se premiará con 100 euros. A actividade está respaldada pola Asociación de Empresarios de Verín (AEVER).

O FIC Vía XIV contará coa implicación das ludotecas municipais da comarca na posta en marcha desta actividade, así como coa de diferentes colectivos sen ánimo de lucro. Porén, tamén haberá prazas abertas para o público en xeral, que pode preinscribirse nela a través dun formulario específico habilitado ao respecto na web do certame: www.ficviaxiv.com.

Artigos relacionados

Back to top button