EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O Festival “Espírito Ribeiro” desenvolverase esta fin de semana na Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle

 

Castrelo de Miño acollía esta mañá a presentación do festival “Espírito Ribeiro”, organizado polos concellos de Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle, e que terá lugar esta fin de semana. No acto participaban o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), Jose Luis Cabarcos, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, ademais do alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, e o presidente do CRDO Ribeiro, Juan M. Casares, entre outras autoridades.

Xosé Merelles indicou que o festival volve a contar co apoio do Goberno galego xa que supón un importante reclamo turístico e xera un impacto positivo nas economías dos concellos participantes. “A viticultura e a súa vertente turística, o enoturismo, están chamados a ser un dos recursos sobre os que pivota o sector turístico galego”, indicou o director de Turismo.

Ademais, este evento tamén está centrado na gastronomía, que é o segundo motivo polo que os turistas elixen Galicia. Segundo explicou Merelles, dende a Xunta está en marcha o Plan de Territorial de Sustentabilidade Turística de Enogastronomía de Galicia, cun orzamento de 31,9M €, que ten como obxectivo promocionar Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel. A provincia de Ourense contará con 3 Plans dos que se beneficiarán 30 concellos da provincia, e entre eles, están Arnoia, Cenlle e Castrelo de Miño que contarán con 1,5 millón de euros para poñer en marcha xunto a outros concellos da comarca , o PSTD Ribeiro – O Carballiño.

 

 

Un ano máis, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria apoia o evento Espírito do Ribeiro como un punto de encontro das bodegas con denominación de orixe co público, co fin de que poidan desfrutar das súas producións.

A aportación principal a estas xornadas é facilitar o acceso de produtores a un espazo expositivo dos seus produtos, os viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeiro. Un espazo que facilita tanto o circuíto curto de comercialización entre o consumidor final e o produtor como a propia interacción, para que poidan explicar as características diferenciais das súas producións vitivinícolas.

Os concellos de A Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle serán sedes da terceira edición do “Espírito Ribeiro”, festival de sabores, música, mercado e produto de proximidade. O primeiro edil de Castrelo de Miño falou en nome dos tres alcaldes para agradecer a colaboración de Deputación, Xunta e da Denominación de Orixe Ribeiro na organización deste festival. “Tres concellos irmáns démonos a man para promocionar o viño da denominación de orixe Ribeiro, que é o motor económico da nosa comarca. O fin é promocionar o viño, os produtos de proximidade, a gastronomía e os deportes náuticos aquí en Castrelo de Miño”, asegurou Avelino Pazos.

Pola súa banda, na súa primeira visita oficial a Castrelo de Miño a vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Novoa. comprometeu “total colaboración con estas actividades que promocionan o noso patrimonio natural, vitivinícola e cultural” e desexou “que nos acompañe o tempo”.

Escaparate perfecto para as terras do Ribeiro

Finalmente, o coordinador de “Espírito Ribeiro”, Juan Rivas, explicou que “este innovador festival, que fusiona sabores exquisitos, músicas envolventes e un mercado cheo de produtos locais, consolídase un ano máis como o escaparate perfecto para as terras do Ribeiro e o seu tesouro máis prezado: o viño con Denominación de Orixe Ribeiro. Durante tres días, do 1 ao 3 de setembro, a rexión mergullarase nun ambiente de celebración, promovendo as virtudes que fan da D.O. Ribeiro un emblema cultural e culinario”.

Para Juan Rivas, “Espírito Ribeiro” é moito máis que un festival, “é unha experiencia que abarca a esencia mesma da D.O. Ribeiro. O corazón do evento late nun vibrante mercado onde os produtos autóctonos e a artesanía local toman o centro do escenario, rendendo homenaxe á proximidade e á autenticidade. Doutro lado está a música que eleva a alma, as risas que enchen o aire e os trucos de maxia que asombran”.

Así, explicou que a programación de “Espírito Ribeiro” foi deseñada meticulosamente para ofrecer algo para todos. Desde as melodías cativadoras da Real Banda de Gaitas de Ourense, que contarán coa colaboración da cantante Lucía Pérez, ata a destreza musical de Xabier Vizcaíno, os éxitos interpretados por Wondercovers e Top Secret, os ritmos contaxiosos da Banda de Nash, e a maxia fascinante do Mago Teto xunto co encanto de Carole Kings, e Dr. Slump con un magnífico repertorio de música pop. Todos únense en harmonía para deleitar a un público diverso.

Programación

A xornada inaugural do venres 1 de setembro terá lugar en A Arnoia e abrirase cunha actuación da Real Banda de Gaitas de Ourense, coa cantante Lucía Pérez que interpretará Égloga Operística Pastora da Serra Sola. Xabier Vizcaíno, coa súa banda ao completo, fará un repaso das súas composicións. Finalmente, o grupo de versións Wondercovers deixará a súa pegada no festival cun extenso repaso polos mellores temas da historia do rock.

O sábado 2 de setembro, o festival de sabores trasladarase a Castrelo de Miño. Aló, a cantante coruñesa Carolina Rubirosa porá a nota máis íntima co seu pop acústico. Despois a Banda de Nash e Top Secret, grandes referentes galegos coma bandas de versións, farán as delicias dos visitantes.

A sesión final, o domingo 3 de setembro, terá lugar en Cenlle. O Mago Teto será o encargado de abrir a xornada cun espectáculo de maxia para todos os públicos seguida da actuación de Carole Kings, cunha coidada selección de éxitos do pop. Finalmente, o grupo Dr. Slump porá o broche de ouro á xornada con clásicos da música pop dos oitenta e os noventa en español.

“Espírito Ribeiro” está organizado polos Concellos de A Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle, e conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Dispón da colaboración da Denominación de Orixe Ribeiro, Abril, Bétula Cars, Cabreiroa, Caldaria Hoteles y Balnearios e Gadis.

Artigos relacionados

Back to top button