OurenseÚltima hora

O Festival Internacional de Blues Teatro Principal de Ourense cumpre en outubro a maioría de idade

A cita, que por primeira vez inclúe unha actuación de jazz, será os días 8 e 9 de outubro

O saxo norteamericano Jean Toussaint.

 

Coa chegada do mes de outubro, en plena estación outonal, volve un ano máis a Ourense o XVIII Festival Internacional de Blues Teatro Principal, a cita para os amantes do blues e por primeira vez tamén para os afeccionados ao jazz, ao incluír no cartel ao saxofonista norteamericano Jean Toussant.

Esta nova edición do festival que se celebrará os días 8 e 9 de outubro, está dedicada a Taj Mahal, “un dos máis grandes bluesmen do noso tempo en activo”, aseguran dende a organización. Nado en Harlem, Nova York, en 1942 e fillo de pai pianista de jazz de orixe caribeña e nai, cantante de gospel de Carolina do Sur, Mahal foi exposto a diversas culturas desde o seu nacemento. O seu profundo estudo do blues e a súa relación con outros xéneros levárono a incorporar sonoridades caribeñas, hawaianas e africanas nas súas composicións, destacando sempre a súa eclecticismo e versatilidade. Compositor e multi instrumentista (toca guitarra, mandolina, dobro, piano, órgano, harmónica, vibráfono, chelo, baixo e kalimba), conta con mais de 40 discos ao seu nome cos que cultivou importantes premios, incluídos 4 Grammys. O último en 2017 polo seu álbum “ TajMo” en colaboración con Keb´ Mo´.

 

 

Será pois unha edición especial na que Néstor Pardo e Doug MacLeod encargaranse de abrir as veladas actuando en acústico, cantando acompañados unicamente polas súas guitarras. Pardo, compositor, cantante e guitarrista nado na Coruña, abrirá o programa o venres ás 22 presentando o seu traballo en solitario Hay que saber esperar; e de seguido collerá o relevo JP Bimedi que se subirá ao escenario do Prinicipal con The Black Belts, un torrente de soul e R&B auténtico que levantará ao público das butacas.

Na segunda xornada do festival, MacLeod (compositor, guitarrista e cantante neoiorkino) romperá o xeo ás 22 horas, presentando unha selección das máis de 300 cancións que acredita. O broche á velada poráo Jean Toussaint, saxo tenor de gran capacidade para a improvisación e derbordante técnica instrumental que presentará en Ourense e por primeira vez en España o seu novo epectáculo The Organ Three.

As actuacións de cada noite serán seguidas, sen descanso para o público e as entradas custarán 12 euros anticipada (á venda na web http://www.teatroprincipalourense.com) e 15 euros na taquilla do Teatro Principal.

 

Artigos relacionados

Back to top button