CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Festival Internacional de Curtas de Verín aposta por facer do certame “un gran contedor cultural”

O espazo Roombo, habilitado no exterior do Auditorio de Verín, acollerá diferentes actividades facendo convivir gastronomia, música, encontros profesionais e espontaneidade cultural durante a semana do festival

Presentación do Espazo Roombo./ Foto: FIC.

 

O Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín aposta nesta edición por recuperar o camiño de converter o certame nun gran contedor cultural. Así o aseguraba o seu director, Carlos Montero, na presentación da “Zona Roombo”, unha nova localización do festival no exterior do propio Auditorio de Verín co que a organización pretende expandir as liñas de actividades facendo convivir gastronomía, música, encontros profesionais e espontaneidade cultural.

Tras os resultados da aposta polas actividades exteriores, o FIC vía XIV amplía este ano a súa programación alternativa ao cinema dando forma a un escenario paralelo para a cultura: o Espazo Roombo. Esta nova iniciativa é posible grazas á colaboración entre a empresa local Roombo e a Asociación Cultural Vía XIV.

Ademais as actividades propostas no marco deste novo espazo pretenden achegar o universo do FIC Vía XIV a novos públicos. Así, dentro da parte gastronómica, este espazo albergará actividades de cata e degustación tanto de cervexas como de viño da Denominación de Orixe Monterrei. Ademais, contará con zona de restauración con bebida e comida a disposición dos visitantes.

A programación comezará o mércores 31 de agosto, cun podcast especial de “Irmandades da Cuadra” no que o xa coñecido equipo de reporteiros locais entrevistará a persoas vinculadas ao festival cun ton de retranca que divertirá ao público e que contará con varias actuacións en directo.

Música en galego, catas e motos

O xoves 1 de setembro, o Espazo Roombo, albergará unha experiencia na que se catarán e se ensinará a valorar as grandes descoñecidas do panorama cervexeiro actual, mentres se maridan con comestibles da nosa terra. A actividade compleméntase combinando cada tándem gastronómico coa obra musical de artistas galegos, unha “pinchada” na que participará o mellor tirador de cervexa de España e tamén DJ de música en galego, Gustavo Rey. Outro dos tiradores cervexeiros importantes que participarán nesta actividade é Óscar Piñeiro

Ese mesmo xoves 1 arrincará a parte musical oferecendo aos asistentes unha sesión DJ de música en galego da man do propio Gustavo Rey. Seguindo esta liña, pero levando a música a unha nova dimensión, o venres, día 2, terá lugar a cita para os amantes da música electrónica cunha actuación da man do colectivo Salitre. Pero o prato forte musical será o sábado, día 3. A xornada comezará cunha sesión vermú da man da Banda de Garda e continuará pola noite co grupo rock psicodélico dos portugueses Jesus the Snake e un paso pola música pop-rock de varias xeracións xunto á Banda da Garda e En Mala Hora.

Por outra banda, o Espazo Roombo contará cun encontro de Vespas, Lambrettas e motos clásicas en Verín durante todo o sábado e con moitas máis sorpresas que os visitantes descubrirán ao longo da semana.

Sobre Roombo

Roombo nace en 2020 en Verín (Ourense) coa intención de non ser só unha aplicación de reparto a domicilio. Cada día, a comunidade traballa para continuar sumando valor e ampliar as súas funcionalidades. Apenas dous anos despois, Roombo suma máis de 20.000 usuarios e conta con máis de 200 restaurantes adheridos en España e Portugal.

A clave do seu crecemento é a aposta polo local, Por iso, dende os seus comezos, procuran a defensa da riqueza patrimonial e a colaboración con eventos culturais e deportivos. “Apoiar un evento coma o FIC Vía XIV significa para nós apoiar ao colectivo profesional da vila, sumando forzas para crear un tecido profesional entorno ao mundo cultural e audiovisual” destaca José Antonio Quintas, xerente e fundador de Roombo. “Facelo a través dun espazo que mestura música, gastronomía e cercanía cos artistas é fantástico. Animamos a todo o mundo a compartir un rato xunto a nós”, abonda.

Artigos relacionados

Back to top button