Meses de traballo, de cálculos, de contactos, de noites sen durmir e a implicación de moita xente, deron como resultado a III edición do Festival Internacional de Curtas, FIC Vía XIV de Verín que arrancaba o 1 de decembro e baixaba o pano hoxe, 9 de decembro co visionado dos traballos gañadores: La poesía solo muere cuando termina, Premio Especial do Público; Judgment, Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial Nova; Our Song to War; Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial Outra Mirada; Bacha Posh, Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial Horizontes; Pele de Luz, Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial A Raia; e Fauve, Premio Camira da Crítica.
E entre medias, sete días nos que houbo proxeccións, conferencias, actividades infantís, concertos,… convertendo a Verín no epicentro galego do audiovisual internacional.
Son moitas as persoas que forman o equipo de traballo deste certame, destacando os alma máter da iniciativa: Xosé Lois Santiago “Pello” xefe de produción, Carlos Montero Zorrilla, diector do FIC e Jorge Godás Limia director de Creatividade Multimedia. A Jorge e Carlos podemos velos nun dos momentos divertidos e distendidos que tamén deixou esta edición do festival, consolidado xa no calendario cultural non só de Verín senón de toda Galicia, coa fiestra aberta ao mundo.
Foto cedida.